O último derbi do ano

O Compos xogará este domingo o terceiro derbi consecutivo. Unha visita a un campo complicado
como é o de O Vao para intentar voltar a casa coa primeira vitoria a domicilio. Partido entre dous equipos en horas baixas que loitarán por sumar de novo tres puntos. Un dos peores locais ante un dos peores visitantes fronte a fronte. 
O Coruxo comezou moi forte na casa gañando os seus tres primeiros partidos. Firmes en ataque e moi seguros en defensa, os homes de Rafa Sáez non pasaron por moitos problemas para superar a Arandina, Peña Sport e Sporting B. Sen embargo, a visita a Pasarón foi un troco na dinámica do equipo vigués. Na casa sumaron dúas derrotas consecutivas pero gañaron unha vez máis ao Guijuelo nun partido sorprendente. Cinco goles ante un dos favoritos de cara ao ascenso para demostrar que O Vao é un fortín para os locais, anque non foron tampouco capaces de gañar ao Tudelano. Hai que dicir que visitar ao Coruxo significa voltar cos tres puntos ou con cero, xa que aínda non sumaron ningún empate como locais esta tempada. 
Ata o momento, o Coruxo é o 11º clasificado con 20 puntos. 6 vitorias, 2 empates e 7 derrotas ata o momento. 25 goles a favor e 22 en contra confirmándose como un dos equipos que máis goles encaixa. Pedro Vázquez é o máximo goleador do equipo con cinco tantos ata o de agora confirmándose como un dos máximos goleadores da categoría. 
Diferenzas entre os dous conxuntos agora mesmo e que aumentan tendo en conta que o Compos nunca gañou no campo de O Vao na categoría de bronce. Un empate sen goles a pasada campaña e una derrota fai dous anos por 2-1 con gol de Nacho para os nosos. 
Tendo en conta a pasada xornada, o Compos non foi quen de aguantar con dez ante o Racing de Ferrol caendo por 0 goles a 2. Ademais, entre semana o resultado non foi moito mellor empatando ante a Gimnástica de Torrelavega cun equipo formado por xogadores pouco habituais. Pola súa parte, o Coruxo caeu en Las Callejas ante o Lealtad por 0-2 nun minuto fatídico con dous goles. 
En canto ás baixas, Goti e Portela estarán unha semana máis lonxe dos terreos de xogo, aínda que o regreso dos dous está moi próximo. Ademais, Jordan e Josu serán baixa por sanción. Por contra, voltará Marcos despois da ausencia ante o Racing. 
Por último, aínda que non menos importante, hai que destacar que Catú podería xogar este domingo o seu encontro número 150 na Segunda B coa camisola da SD Compostela, unha cifra ao alcance de moi poucos. 
O encontro será este domingo ás 16:30 horas no campo de O Vao. Para quen non poida achegarse a terras viguesas poderá ver o encontro en directo pola TVG2 ademais de escoitalo a través da 'Esedé Radio' na web oficial do clube e seguilo polas redes sociais da Curva Branquiazul.

Ningún comentario:

Publicar un comentario