O Compos sumou un empate na ida de dezaseisavos de final da Copa RFEF ante unha boa Gimnástica de Torrelavega. Cun equipo formado por xogadores que non saíron de inicio ante o Racing de Ferrol, con algunha excepción, e ante o líder do seu grupo da Terceira. Un encontro con pouco fútbol, moitas interrupcións e onde non se demostrou a diferenza de categoría entre os dous. Jony fixo o gol cántabro mentres que Chiño asinou o tanto do empate.
O encontro arrincou coa Gimnástica emporcada en ataque. Os homes de Raúl Pérez saíron con forza obtendo un córner moi cedo. Xogando en campo contrario, dominando a posesión da pelota, obteron aos sete minutos a súa merecida recompensa. Un erro de Marqueta que aproveita Jony para facer o primeiro.
Co resultado favorable, os cántabros seguiron de novo xogando en campo contrario e marcaron un segundo gol que invalidou o colexiado por fóra de xogo. Do Compos durante os primeiros corenta e cinco minutos pouco se pode contar. Algunha que outra falta, algún cartón e un balón de Joaquín ao pau nunha falta na que foi a mellor ocasión dos nosos no primeiro tempo.
Na segunda metade, un pouco máis do mesmo. O Compos non foi quen de chegar á porta visitante con ningunha facilidade ante un conxunto moi ben ordeado, defendendo con seguridade tódolos intentos da Esedé de buscar o gol do empate. Sen embargo, non foi ata a entrada de Chiño ao campo cando o equipo gañou un pouco máis en traballos ofensivos.
Os de Alberto Mariano fixeron gala dun fútbol de toque buscando crear xogadas dende atrás. E nunha contra baseada na velocidade chegou o gol do empate. Carreira sen oposición dun xogador do Compos que chega á área e no man a man co porteiro cede a pelota a Chiño, que só ten que empurrar a pelota.
Ata o final, os dous equipos pareceron conformarse co empate e só hai que destacar a expulsión de Mon por dobre cartón amarelo. O santiagués non poderá estar no encontro de volta dentro de dúas semanas en Torrelavega, onde o Compos tería que gañar ou empatar con máis de dous goles para estar nos oitavos de final.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Rubén Sánchez, Javi, Catú, Josu; Moreno (Marcos, min. 46); Jesús, Mon, Joaquín (Chiño, min. 64), Jordan (Juan Rey, min. 54); e Gerard.
CARTÓNS: Amarelos para Moreno e Jesús Varela. Expulsado Mon por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 7' Jony, 1-1 79' Chiño.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario