O Compos comezará o ano 2016 na casa. Os homes de Alberto Mariano pechará a primeira volta como local ante a Arandina nun partido moi importante para os dous conxuntos coa mirada posta nos postos de permanencia. Dous equipos que non están a pasar por un bo momento e que buscarán comezar a segunda metade do campionato cun aumento de moral, algo que neste momento non está nada mal.
Con Gonzalo no mando do centro do campo, a Arandina visitará por primeira vez na súa historia San Lázaro. Un equipo que neste momento non está a pasar moitos problemas para ocupar un posto de permanencia, están a catro do posto de promoción de descenso, pero coa única misión esta tempada de non estar entre os cinco últimos da táboa. Polo momento son 14º con 21 puntos despois de 18 xornadas nas que sumaron 5 vitorias, 6 empates e 7 derrotas.
Na casa, os casteláns son un equipo forte mentres que a domicilio só foron capaces de sumar 8 puntos. Dúas vitorias en Astorga e Xixón e dous empates máis ante Peña Sport e Tudelano son os mellores números do conxunto que máis goles encaixou no que vai de tempada (35). En canto aos tantos ao seu favor, suman 24 con Pau Franch como máximo artilleiro con 6.
En canto á pasada xornada, o Compos non puido voltar de Astorga con máis dun punto nun partido onde os nosos dominaron durante toda a primeira metade acusando unha vez máis a falta de acerto, materia a mellorar neste mercado. Pola súa parte, a Arandina pechou 2015 cunha vitoria na casa por 2-1 ante o Lealtad.
No capítulo de baixas, Alberto Mariano terá as dúbidas de Goti e Sergio Sánchez, xa adestrando co resto dos seus compañeiros, e a baixa de Catú por acumulación de cartóns ademais das ausencias de Gerard Oliva e Rubén Sánchez, que xa non forman parte do equipo.
O partido será este sábado ás 18 horas en San Lázaro. Quen non poida achegarse ao campo poderá seguir o encontro a través das redes sociais da Curva Branquiazul ou escoitalo a través da Radio Esedé, na web oficial do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario