Os dous equipos da parte máis baixa da clasificación enfrontaranse este sábado nun dos partidos máis
importantes para ambos. Só un punto de diferenza entre os dous conxuntos que demostran que o encontro en Astorga será unha guerra entre iguais da que só un poderá saír gañador. O último posto en xogo. A última oportunidade de rematar o ano de boa maneira nun campo moi complicado.
O Compos visitará o campo onde a pasada tempada encaixou a peor goleada do ano e no que deberá sumar a primeira a domicilio do que vai de curso. Un campo difícil que este ano non está a ser o fortín que foi na súa estrea na categoría de bronce. E é que o Atlético Astorga non pasa por un bo momento. Suman 12 puntos de 51 posibles despois de 3 vitorias, 3 empates e 11 derrotas.
Trátase dun equipo con números moi similares entre os partidos de local e visitante. Na casa, os astorganos superaron ao Peña Sport e deron a sorpresa vencendo ao Guijuelo ademais de empatar ante o Somozas. Fóra, só gañaron en Barreiro e empataron en Cáceres e Logroño, dous campos moi difíciles.
Nas filas dos casteláns está David Bandera. O leonés suma a súa cuarta tempada no equipo e, ao igual que o pasado ano, demostra un gran acerto de cara a gol. O ano pasado foi o máximo goleador do seu equipo só superado por Borjas Martín, actualmente nas filas do Pontevedra, e a estas alturas da tempada é o máximo anotador da categoría con 8 tantos empatado con Joselu.
Ata o momento, o Compos só visitou nunha ocasión La Eragudina. A pasada tempada, a primeira da historia do Atlético Astorga na Segunda B, a Esedé volveu a casa cun 4-1 en contra. David Bandera fixo o primeiro, Quim Araújo empatou e Víctor Gordón, David Bandera e Ivi Vales pecharon un encontro onde a nota máis negativa foi a lesión do porteiro Ramón no primeiro tempo. Pola súa parte, en San Lázaro a vitoria foi branquiazul grazas aos goles de Yacine e Catú.
Os dous equipos chegan nun mal momento de forma. Ademais da pésima clasificación de ambos, os dous suman catro xornadas sen coñecer a vitoria. A pasada semana, o Compos caeu ante o Racing de Santander nun bo partido onde os nosos non mereceron perder. Pola súa parte, o Atlético Astorga perdeu pola mínima na visita ao Lealtad.
Para este encontro, Alberto Mariano contará coas baixas seguras de Sergio Sánchez e Goti por lesión mentres que Josu, Catú, Dani Hernández, Marcos e Orbegozo serán dúbida ata última hora despois do encontro deste pasado mércores en Torrelavega. No Atlético Astorga serán baixas seguras por sanción Javi Díez e Joselu Lago.
O partido será este sábado en La Eragudina ás 17 horas. Sen televisión, o partido só se poderá seguir a través das redes sociais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario