O Compos sumou unha nova derrota na casa rematando coa boa xeira que parecía comezar como local. Un bo partido dos nosos a pesar de non puntuar ante un Racing de Ferrol que vai lanzado cara á Segunda división. Moita intensidade, tensión e moi boa defensa do noso equipo evitando que os visitantes puideran saír de San Lázaro cunha diferenza maior. Na outra portería, o Compos non foi capaz de disparar entre os tres paus. A nota negativa foi a expulsión, un tanto rigurosa, de Jordan na primeira metade.
A Esedé saltou ao terreo de xogo coa única intención de dar a sorpresa ante o líder da categoría. Moi seguros en defensa, dominando o encontro no centro do campo pero cometendo erros na finalización das xogadas. Con isto, o equipo ferrolán foi quen de meterse pouco a pouco no encontro achegándose á porta de Pato pero topándose sempre cos centrais, a unha altísima intensidade durante os noventa minutos.
Cun estilo vertical, moi directo, os homes de Tena buscaron facer dano a base de velocidade nas contras. Así chegou a expulsión de Jordan. O ourensán quixo frear unha destas contras e, superada a media hora de xogo, o colexiado amosoulle o segundo cartón amarelo. Case unha hora de xogo por diante e o equipo cun home menos.
En inferioridade numérica, o Compos non quixo perder a cara ao partido. Alta presión, posesións largas pero aínda sen poñer en perigo a Mackay, que tivo unha tarde tranquila.
Na segunda metade, un pouco máis do mesmo. Sen un dominador claro, os dous equipos tiveron moitos problemas para achegarse á porta contraria. De feito, o Racing de Ferrol só foi quen de poñer en perigo aos nosos a balón parado. E así foi como puideron romper a igualada. Un gran disparo de Pablo Rey dende a frontal ante o que ninguén pode facer nada. Golazo.
Co resultado a favor, o Racing controlou o encontro sen riscos. O Compos quixo deixarse todo no campo e nos minutos finais, con Gerard e Orbegozo no ataque perdoando o catalán a mellor ocasión dos nosos nos noventa minutos.
Xa no tempo engadido, coa Esedé xogando en campo contrario, o Racing sentenciou o encontro. Contraataque rápido e Marcos Álvarez non perdoou ante Pato. Segundo gol e castigo excesivo para un Compos que, con dez, tivo que loitar ante un equipo axudado polos árbitros.
Coa mente posta nun novo derbi, o terceiro consecutivo, ante o Coruxo no Vao, o Compos terá unha cita coa Copa RFEF este mércores. Recibiremos á Gimnástica de Torrelavega en San Lázaro.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 46), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Jordan, Fondevila (Gerard, min. 78), Joaquín (Mon, min. 46), Dani Hernández; e Orbegozo.
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Josu e Jesús Varela. Expulsado por dobre amonestación Jordan.
GOLES: 0-1 75' Pablo Rey, 0-2 91' Marcos Álvarez.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario