Un minuto

O Compos deixouse os tres puntos en Villaviciosa nun encontro que puido gañar sen excesivas complicacións. Bo primeiro tempo dos nosos con gol incluido pero unha segunda metade para esquecer. Moito que mellorar ante un equipo que queda cos tres puntos despois de crear apenas ocasións con perigo. O gol de Josu, que completou un bo primeiro tempo, non serviu de nada ante os tantos de Pedro Vela, Camochu e Jesús Varela en propia porta. 
O comezo foi inmellorable. O Compos saiu con forza e en só tres minutos chegou o primeiro gol, co que soñar cunha nova vitoria. Un bo gol de Josu chegando dende atrás fixo estoupar unha vez máis á afección branquiazul, que xa vía un novo resultado positivo. Tras o gol, o equipo viuse un pouco superado polo Lealtad pero sen dificultades en defensa. 
Sen un dominador claro, os dous equipos loitaron por controlar o centro do campo. As ocasións de perigo desapareceron nas dúas porterías pero a intensidade estaba a ser moi alta, polo menos antes do descanso. A Esedé estaba segura en defensa e ben en ataque sempre que podía crear algunha oportunidade para achegarse á porta rival.
Pero todo cambiou tras o descanso. A entrada de Josu por Jesús Varela pareceu provocar imprecisións pola banda dereita da defensa galega e por alí chegaron as mellores ocasións do equipo asturiano. Un aviso nun córner non foi suficiente para ter en alerta á defensa e a Pato e superados os vinte minutos chegou un minuto e medio fatídico. 
O Lealtad parecía ser superior sobre o terreo de xogo ante un equipo relaxado e iso aproveitouno sen apenas problemas. Pedro Vela superou a Jesús Varela en velocidade e, sen deixar caer a pelota, pegoulle tal como lle chegou superando a saída de Pato. Un bo gol que se sucedeu en cuestión de segundos por outro de Camochu. O ex do Celta B chegou tamén pola mesma banda e superou a Pato cun bo disparo. 
A partir de aí, o Lealtad foi superior ante un Compos totalmente desaparecido. O asturianos foron capaces incluso de facer o terceiro pero topáronse co longueiro mantendo con vida aos nosos, que non o aproveitaron. 
Sen ideas, os branquiazuis non foron capaces de poñer en perigo ao porteiro do Lealtad antes do final do encontro. Un final que se completou co terceiro dos locais. Un pase ao segundo pau e no medio aparece Jesús Varela. O lateral buscaba despexar o balón pero un mal bote acabou por facer que metera o balón na súa propia portería. 
Nova derrota, a permanencia cada vez máis lonxe e a pensar xa nos tres próximos derbis, os dous seguintes serán en San Lázaro ante Celta B e Racing de Ferrol, partidos dos que hai que sacar bos resultados. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 46), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Goti, Javi Moreno, Dani Hernández (Fondevila, min. 70), Mon; e Orbegozo (Gerard, min. 56). 
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Sánchez, Marcos Rodríguez, Mon.
GOLES: 0-1 3' Josu, 1-1 66' Pedro Vela, 2-1 67' Camochu, 3-1 87' Jesús Varela (en propia porta).
ESTADIO: Municipal de Las Callejas.

2 comentarios:

  1. Este ano toca sufrir. Esperemos non baixar a terceira..

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Toca ponerse el mono de trabajo y salir de ahí abajo cuanto antes.Un saludo e Sempre Compos ¡

      Eliminar