A pola primeira a domicilio

O Compos sumou xa a segunda vitoria da tempada, a segunda en San Lázaro, e este domingo buscará a primeira fóra. Unha visita complicada a un campo do que ninguén puido saír cos tres puntos. E é que o Lealtad como local esta tempada está facendo números para estar entre os primeiros da categoría. Unha gran proba para os nosos, que poderían sumar tres vitorias consecutivas, se temos en conta a vitoria no amigable do mércores. 
Las Callejas é un dos fortíns máis duros da categoría. Un estadio onde ata o momento só o Burgos foi capaz de puntuar fai algo máis dun mes, cun empate sen goles. Alí, o Lealtad está a firmar uns números iguais aos do Racing de Ferrol, líder, como local. Cinco vitorias e un só empate, estadísticas que melloran cos 13 goles anotados polos asturianos ante os 2 encaixados. Ademais, nas filas do equipo de Villaviciosa atópase Pablo Espina, un dos máximos goleadores do grupo con 6 tantos ata o momento. 
Esta será a segunda vez que o Compos visite Villaviciosa. Na primeira ocasión, fai medio ano, as cousas estaban totalmente ao contrario. O Compos ocupaba un dos postos altos mentres que o Lealtad loitaba pola permanencia recibindo aos nosos dende a penúltima posición. Neste momento, as cousas van totalmente ao contrario xa que os locais chegan sextos e os de Iñaki Alonso son antepenúltimos a tres puntos do posto de promoción de permanencia. Naquela ocasión, o Lealtad levouse a vitoria por 3-2 con goles de Pantiga, Yosu e Piniella ante os de Yacine e Iván Pérez. 
A este encontro, os branquiazuis chegan despois de dúas vitorias consecutivas. Ante o Tudelano, o final foi un estoupido de loucura co gol de Orbegozo dende os once metros no último minuto do tempo regulamentario. Segunda vitoria e, por que non soñar? Ademais, este mércores chegou unha nova vitoria que mostra un pouco a melloría do equipo de cara a porta ante a Selección Galega co 3-1 final. Pola súa parte, os de Javier Rozada chegan despois de gañar ao Celta B o domingo por 2 goles a 0, obra de Álex e Pablo Espina. 
Para este encontro, mantense a ausencia de Portela, no tramo final da recuperación e aparece a dúbida de Orbegozo, que se mancou no partido amigable. Por contra, volve ao equipo Rubén Sánchez despois da xornada de sanción. Pola súa parte, o adestrador ovetense terá as baixas de Adrián Llano, Piniella, Secades e Aguilar. 
O partido será este domingo ás 12 horas en Las Callejas, Villaviciosa. As entradas estarán a 15 euros para o público xeral e a 20 na Tribuna mentres que os rapaces entre 10 e 17 anos terán que pagar 5 euros. Quen non poida achegarse poderá ver o encontro a través da segunda canle da TVG ou na web da CRTVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario