Iñaki deixa de ser adestrador da Sociedade Deportiva Compostela despois de case ano e medio no cargo. O de Durango asinou o seu primeiro contrato co clube de San Lázaro o 16 de xuño do pasado ano, un contrato dunha tempada con opción a outra. E fai uns meses, despois de lograr un posto para a Copa do Rei, asinou por dúas tempadas máis, un contrato que finalmente non cumprirá no banco.
Iñaki Alonso chegou a San Lázaro cun gran palmarés. Co obxectivo de meter ao equipo entre os catro primeiros, o vasco xa conseguira o ascenso anos antes co Murcia e o Real Unión de Irún á categoría de prata. E aquí, na segunda tempada consecutiva do equipo na Segunda B, logrou un bo sexto posto que deu opción á Copa do Rei no seu primeiro ano. 38 encontros cun balance de 17 vitorias, 10 empates e 11 derrotas destacando unha boa defensa que só permitiu 39 goles en contra.
Sen embargo, despois de obter unha mellora de contrato, o equipo non puido nin sequera igualar os resultados da pasada tempada. En 13 encontros, o equipo está entre os catro últimos da táboa e con só dúas vitorias. O equipo con menos gol da categoría con diferenza e que aínda non coñece a vitoria lonxe de San Lázaro. Un equipo sen ideas, sen bo xogo e que perdoa numerosas ocasións, algo que sumado á relaxacións nas segundas metades remata no visto onte en Las Callejas.
En total sumou 52 encontros oficiais ao mando do equipo entre Liga e Copa cuns números que non deixan un bo sabor de boca. 19 vitorias, 14 empates e 18 derrotas. Penúltimos en Liga neste momento e eliminados da Copa do Rei na primeira rolda cando, supostamente, o equipo estaba feito para rematar entre os catro primeiros e acadar o ascenso á Segunda división.
Agora só queda desexarlle boa sorte no seu futuro, agradecerlle todo o feito no equipo branquiazul e agardar ata coñecer o nome do novo adestrador. Moitos nomes apareceron nas últimas semanas entre os que destaca con forza o de Míchel Alonso, ex adestrador do Somozas, ou Nacho, ex xogador do Compos no seu mellor momento e afeccionado do noso equipo, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario