O Compos terá que xogar, polo menos, dous partidos na Copa RFEF despois da caída na Copa do Rei. Terá que enfrontarse nunha eliminatoria a dobre partido ante o Gimnástica de Torrelavega, equipo da Terceira división cántabra. A ida será en San Lázaro mentres que a volta será quince días despois en terras torrelaveguenses.
A derrota ante o Tudelano, rival da Esedé na primeira rolda da Copa do Rei, trae consecuencias. A Esedé xogará un ano máis a Copa RFEF, anque este ano xa será a nivel nacional, despois da caída o ano pasado ante o Ordes nun encontro marcado pola escasa presenza de afeccionados nas bancadas de San Lázaro.
Algo máis dun ano pasou dende aquela derrota ante o Ordes por 1 gol a 2 nunha competición que para moitos é unha perda de cartos debido aos desprazamentos e o pouco que se gaña, economicamente falando, de ir superando eliminatorias. Naquela ocasión, Quim Araújo anotou para os locais e Alex Castro e Ángel Cao fixeron o propio para os ordenses nos dez últimos minutos.
Nesta ocasión, o rival será a Gimnástica de Torrelavega. O equipo cántabro ocupa neste momento a primeira posición na táboa con cinco puntos máis que o filial do Racing de Santander. Un dos favoritos ao ascenso á categoría de bronce e que cconta cos dous máximos goleadores do grupo. Suman ata o de agora uns números difíciles de mellorar, só perderon un partido e gañaron o resto, e chegaron a esta fase da competición a través da vía autonómica.
A ida destes dezaseisavos de final será o 3 de decembro en San Lázaro e a volta será o 17 no Malecón. O resto de enfrontamentos con equipos galegos serán: Pontevedra-Marino de Luanco e Rápido de Bouzas-Ciudad Rodrigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario