Bo punto

O Compos sumou un novo punto, importante, na primeira visita a Cáceres da historia do equipo. Un encontro onde os galegos foron superiores nunha boa parte do encontro pero, unha vez máis, faltou o gol. Por sorte, a defensa foi firme unha vez máis e púidose sumar un punto nun dos campos máis difíciles da categoría, onde o Cacereño non perde dende fai meses. A nota positiva foi o regreso de Orbegozo ao once inicial, a confirmación de Mon no once inicial e o debut de Javi no centro da defensa substituindo ao sancionado Catú. Por outra parte, a novidade atopouse na indumentaria visitante, xa que a Esedé estreou unha nova equipación para os encontros lonxe de San Lázaro trocando o vermello polo rosa e o amarelo no caso dos porteiros.
Dende o inicio do partido, os dous equipos mostraron unha gran intensidade sobre o terreo de xogo do Príncipe Felipe. O Compos fíxose coa posesión do esférico non sen dificultades e en algo máis de dez minutos chegou a primeira ocasión, que non viu portería por moi pouco. Un comezo que aos vinte minutos tivo a mellor chegada do xogo cun gol anulado a Jimmy. O lateral dispara dende fóra da área con tan mala sorte que a pelota pega nun compañeiro antes de entrar na portería local. 
As ocasións sucedéronse nas dúas porterías co Compos dominando o partido e levando maior perigo á área contraria, anque Pato foi o autor das mellores intervencións antes do descanso unha vez máis confirmándose coma a mellor fichaxe do equipo este verán. 
A segunda metade foi moi diferente. A intensidade baixou notablemente e ningún dos dous equipos foi quen de achegarse á porta rival. Ámbolos dous conxuntos foron de menos a máis e co paso dos minutos, no tramo final do partido, chegaron de novo as ocasións ás dúas escadras, anque nesta ocasión sen un dominador claro coma nos primeiros corenta e cinco minutos. 
Os quince minutos finais foron unha chegada tras outra con Vargas coma protagonista freando a un Compos que mereceu máis. Con Pato sen apenas traballo na segunda metade, na outra portería chegaron as mellores xogadas, anque sen demasiado perigo dados os problemas dos nosos para finalizar con acerto as ocasións, a pesar de xogar en superioridade os derradeiros cinco minutos.
O Compos lévase o segundo punto que sae do Príncipe Felipe de Cáceres e xa pensa no encontro ante o Tudelano, un dos equipos revelación, do vindeiro sábado.no que pode ser a reedición da Copa do Rei, partido onde a Esedé sumou tantos goles en noventa minutos coma en once encontros de Liga. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Javi, Jimmy; Javi Moreno; Goti (Dani Hernández, min. 80), Mon (Fondevila, min. 69), Joaquín, Rubén Sánchez; e Orbegozo.
CARTÓNS: Amarelos para Orbegozo, Mon, Rubén Sánchez, Javi e Dani Hernández.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Príncipe Felipe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario