Novo adestrador, nova vitoria

O Compos sumou a terceira vitoria da tempada, segunda consecutiva en San Lázaro, nun bo partido dos nosos. O equipo aumentou a intensidade, amosou a man do novo adestrador, Alberto Mariano, que non puido sentarse no banco cos suplentes. Un gran derbi, dominado de principio a fin polos locais, e con goles de Dani Hernández e Orbegozo chega a máis desexada a sete días de recibir ao Racing de Ferrol. Diop foi o autor do gol celeste co que puxeron o medo no corpo dos afeccionados locais durante uns poucos minutos. 
De noite e con moito frío, o Compos recibía ao Celta B co obxectivo de sumar os tres puntos e amosar a man de Alberto Mariano. O equipo saiu con intensidade, buscando a porta rival e defendendo moi ben con Catú e Jimmy sobresaíndo por encima do resto. En ataque, Jordan foi o autor das mellores chegadas. O ourensán volveu á titularidade a un gran nivel e foi peza chave hoxe. 
Durante os primeiros minutos do encontro, a Esedé xogou en campo contrario e superados os dez minutos... Xogada colectiva nas inmediacións da área, balón para Dani Hernández e este bate a Iván cun gran gol dende fóra da área. Un gran momento para a afección branquiazul que estoupou de novo co cuarto gol do equipo nos tres últimos encontros. 
Co resultado favorable, o equipo mantivo a posesión da pelota ata o descanso. Firmes en ataque e sen arriscar o máis mínimo en ataque. Seguros en todo o campo e sen permitir que os xogadores olívicos puxeran en problemas a Pato, moi seguro nas poucas ocasións nas que tivo que intervir hoxe.
Na segunda metade, un pouco máis do mesmo. A única diferenza chegou aos cinco minutos. Achégase o filial celeste á portería e, ata en dúas ocasións, topáronse con Pato. O uruguaio atallou ata dous disparos, dous goles cantados, dos dianteiros visitantes pero non foi capaz de facer o propio co remate de Pape Diop. 
Nin cinco minutos durou a ledicia aos celestes. O Compos foise coma un raio a pola portería rival. Amosando verticalidade, velocidade e un gran fútbol. Un Compos moi diferente ao visto nos dous primeiros meses de competición. E a recompensa non tardou en chegar en forma de penalti claro sobre Jimmy, o cuarto ao noso favor. Dende os once metros, Orbegozo non perdoou asinando o segundo. Un gran gol e o equipo de novo por diante. 
Ata o final, o ritmo baixou. O Compos dominou a posesión e non permitiu ningunha chegada ata o final. Interrupcións constantes, xogo duro e Jimmy facendo das súas pola banda esquerda provocando máis dunha gran ovación. A nota quizais negativa foi o erro de Gerard no que podía ser o terceiro. O catalán saiu á contra e, cando estaba a piques de quedar só ante o porteiro perdeu a pelota tendo, tamén, opción de pase. 
En resumo, o Compos chega ao seu mellor nivel a falta de sete días da visita do líder a San Lázaro. O Racing de Ferrol, que está a facer un fútbol doutra categoría, terá moito que traballar para saír do coliseo branquiazul cos tres puntos.

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marco; Jordan (Rubén Sánchez, min. 72), Mon (Javi Moreno, min. 59), Fondevila, Dani Hernández; e Orbegozo (Gerard, min. 77).
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Marcos, Fondevila e Javi Moreno.
GOLES: 1-0 13' Dani Hernández, 1-1 51' Pape Diop, 2-1 55' Orbegozo. 
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario