Chegou o momento máis importante. Despois de trece xornadas, o troco está aquí. Novo adestrador. Novo estilo de xogo. E, o mellor, o primeiro dos tres derbis ante os que hai que mostrar una mellora importante e sumar puntos cos que achegarse aos puntos de permanencia. Este domingo visítanos o Celta B, un rival co mesmo obxectivo de cara ao final da tempada.
Na fin de semana do derbi en Primeira, Compos e Celta B xogarán un derbi entre irmáns en San Lázaro. Un encontro marcado polo mal momento polo que pasa o noso Compos. Penúltimo ante décimo cuarto separados por seis puntos despois de que a pasada xornada o filial vigués sumara unha vitoria importantísima ante o Sporting B grazas a un gol de Jordan e de que a Esedé caera ante o Lealtad cunha dura remontada incluida.
O Celta B visitaranos por quinta vez na súa historia, cuarta na Segunda B e cuarta consecutiva. Os resultados non son tan positivos coma nos gustaría xa que de doce puntos posibles só catro quedaron en San Lázaro. Fai xa cinco anos, o equipo vigués gañou con emoción 2-3 a un Compos con nove xogadores. No único enfrontamento na Terceira división, con Fredi no banco branquiazul, o resultado foi de empate a un gol. E no retorno á Segunda B dos dous conxuntos, o equipo dirixido polo adestrador de Moaña sumou a única vitoria por 2-1. A pasada tempada, con Iñaki Alonso no banco local e Fredi como visitante, a vitoria caeu do lado olívico por 1-2.
Sen dúbida, o Celta B é un rival complicado e que parece facelo ben en San Lázaro. Ata o de agora, despois de case tres meses de fútbol, o equipo de Javier Torres suma 16 puntos. 5 vitorias, só un empate ante a Cultural Leonesa e outras 7 derrotas. Trátase dun dos equipos con máis gol da categoría con 18 goles e, por contra, un dos máis goleados con 21 en contra. A nivel individual, o filial celeste pasa por un bo momento grazas, en gran parte, a Borja Iglesias. O dianteiro santiagués suma xa 6 goles ocupando un dos postos altos na táboa de goleadores.
Cando xogan fóra de Barreiro, os números axudan a pensar nas opcións do Compos. Só conseguiron sumar un punto, co empate no Reino de León, en seis encontros. Encaixaron nada máis e nada menos que 15 goles a domicilio mentres que só conseguiron 4 ao seu favor, uns números similares aos que suma o noso equipo a estas alturas en toda a campaña.
Para este encontro, no que debutará Alberto Mariano tras a destitución de Iñaki Alonso, Portela e Goti serán baixas seguras por lesión mentres que Dani Hernández e Josu serán dúbida hasta última hora.
O encontro, que pechará a xornada, será este domingo ás 19 horas en San Lázaro. Os que non poidan achegarse ao coliseo branquiazul poderán velo por televisión na segunda canle da TVG e escoitalo en directo na Esedé Radio, na web oficial do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario