O Compos visitará esta fin de semana terras estremeñas por décimo oitava ocasión, primeira na Segunda división B. Despois de Mérida e Badaxoz, toca visitar agora Cáceres por primeira vez na historia. Unha terra que, para os nosos, garda bos recordos. Ben en Primeira, Segunda ou na derradeira fase de ascenso á Segunda división do noso equipo, os antecedentes son moi positivos, anque as cousas non pintan ben para manter eses números.
En 17 visitas a Estremadura, o Compos sumou nada máis e nada menos que 7 vitorias, 5 empates e 5 derrotas ante Mérida, Badaxoz e Estremadura e, como digo, entre a Primeira e a Segunda división sen esquecer a fase de ascenso á categoría de prata fai xa catorce anos, onde a Esedé compartiu grupo cos filiais de Valencia e Barcelona ademais do Mérida. Ademais, en canto aos goles, hai que sumar 22 goles para os nosos ante os 19 anotados polos equipos locais.
Nesta ocasión, o rival será o Cacereño. Un equipo que milita na Segunda B e que por primeira vez na súa historia faino no grupo I con equipos galegos. O equipo estremeño é unha das revelacións deste grupo, un equipo que se está a facer grande como local despois das dez primeiras xornadas do campionato. E é que o equipo de Ángel Marcos non coñece a derrota xogando como local. Ata o momento, en total, sumaron 4 vitorias, 2 empates e 4 derrotas máis. 10 goles a favor, tres obra de Valverde, e 11 en contra.
14º na clasificación, o Cacereño é un dos mellores equipos da categoría cando xoga de local. Descoñecen a derrota nos cinco encontros ata o momento sumando 13 de 15 puntos posibles. 4 vitorias e só un empate sen goles ante o Valladolid B. Se temos en conta as cifras goleadoras, anotaron 8 goles e encaixaron só dous, na vitoria por 4-2 ante o Celta B. Sen dúbida, convertiron o Príncipe Felipe nun fortín no que xa caeron Pontevedra, Celta B, Burgos e Tudelano.
Na pasada xornada, o Compos caeu cun pouco de mala sorte ante un Guijuelo que soubo aproveitar á perfección a única xogada perigosa coa que contaron nos noventa minutos. Sen embargo, o equipo dirixido por Iñaki Alonso puxo a nota positiva coa visible mellora no xogo. Pola súa parte, o Cacereño sumou unha nova derrota lonxe da súa casa. O Lealtad aumentou a crise dos estremeños fóra do Príncipe Felipe, onde non coñecen a vitoria e só sumaron 2 goles.
Para este encontro, Iñaki Alonso, que conta coa confianza da directiva, recupera a Orbegozo, totalmente recuperado e que podería saír dende o inicio e mantén as dúbidas de Jordan e Gerard e a baixa de Portela, á que se une a de Lucas, que estará fóra dos terreos de xogo entre seis e oito semanas. Ademais, Catú e Marcos non poderán estar por sanción. Pola súa parte, o adestrador do Cacereño non contará con ningunha baixa.
O encontro será este domingo ás 12 da mañá no Príncipe Felipe. Os siareiros galegos poderán escoitar o encontro en directo a través da radio de Canal Extremadura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario