Días despois da visita á Catedral, o Compos sumou a segunda vitoria desta tempada. Unha vitoria tan importante coma sufrida con remontada incluida. E, como non, volta ao camiño do gol sumando dous máis de dous xogadores diferentes. Outra nota positiva chegou dende os once metros co gol de Orbegozo, o primeiro de penalti de tres intentos, no último minuto do tempo regulamentario desatando a ledicia nas bancadas. Eneko fixo o gol dos navarros, Javi Moreno igualou o resultado e o dianteiro vasco pechou o partido. Gran partido, de novo, de Jimmy e Catú.
O encontro comezou moi mal. A Esedé saiu a pola pelota, na busca da posesión ante un equipo que non perdoou ningún erro de ningún tipo. O conxunto navarro presionou en campo contrario e Eneko aproveitou un erro defensivo para superar a Pato na que foi a única ocasión do seu equipo entre os tres paus na primeira metade. Un bo gol do ex do Oviedo dende fóra da área tras un rexeite do porteiro.
Un duro pau ante un dos grandes da categoría pero aínda non transcorreran nin dez minutos. Tempo de sobra por diante para buscar a remontada, aínda que as esperanzas parecían desaparecer nas bancadas. O equipo non foi capaz de achegarse á portería visitante con perigo, rematando os primeiros corenta e cinco minutos sen disparar entre os tres paus.
Os minutos pasaban e o equipo non provocaba máis medo que algún que outro córner sen máis. Así é que se chegou ao final do primeiro tempo cunha nova derrota en mente tendo en conta todo o pasado ata o momento.
Tras o descanso, a entrada de Gerard Oliva e Dani Hernández produciron máis perigo. O equipo foi de menos a máis e, polo menos, xogaron preto da área do Tudelano, que non foi capaz de achegarse á porta de Pato case conformándose coa vitoria pola mínima. Mentres, nas bancadas, a afección parecía estar a desgusto co adestrador unha semana máis berrando contra el.
E chegouse aos derradeiros vinte minutos. Vinte minutos de ensoño nos que o Compos sacou todo o que tiña dentro na busca do gol. Dous serios avisos ao longueiro consecutivos serviron para demostrar que o mellor estaba por chegar. E só dous minutos máis tarde... Triple ocasión con dous balóns sacados pola defensa baixo paus e á terceira chegou a vencida cun disparo de Javi Moreno con forza, con rabia. Un bo gol pero co mellor aínda por chegar.
Co empate, chegou unha guerra con ocasións nas dúas porterías. O Tudelano apenas tardou en responder cunha ocasión que evitaron entre a defensa e Pato. O Compos tampouco quixo conformarse co reparto de puntos e buscou un segundo gol obtendo mellores ocasións que nos primeiros oitenta minutos pero sen conseguir nada positivo.
O mellor estaba por chegar. Minuto oitenta e nove de partido e un xogador do Tudelano toca a pelota coa man dentro da área. Penalti a prol do Compos e Orbegozo aos once metros. Cos dous erros anteriores nas cabezas dos afeccionados, o dianteiro vasco non perdoou ante o porteiro. Gol e a loucura estoupou.
Tres puntos moi importantes e a pensar xa no Lealtad, partido do vindeiro domingo en terras asturianas. O equipo deixa por unhas horas a última posición da táboa, que ocupará o Peña Sport, e quedando a só tres puntos dos postos de permanencia.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Gerard Oliva, min. 46), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Mon (Fondevila, min. 69), Jesús Varela, Goti, Joaquín (Dani Hernández, min. 46); e Orbegozo.
CARTÓNS: Amarelos para Orbegozo, Joaquín e Gerard Oliva.
GOLES: 0-1 7' Eneko, 1-1 79' Javi Moreno, 2-1 90' Orbegozo.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario