O mesmo de sempre

O Compos sumou a derrota número 200 na categoría de bronce ante o Guijuelo. Un bo partido dos branquiazuis ante un equipo que demostrou unha efectividade inmellorable. Unha chegada dos casteláns e un gol para devolver aos nosos ao último posto da clasificación. Un único gol nos noventa minutos e a Esedé mostrou un xogo similar ao do partido ante o Burgos, colleitando boas ocasións para rematar cun resultado positivo.
O bo xogo realizado polo equipo en Burgos, recuperando o gol, mantívose unha fin de semana máis, na que puido ser a última de Iñaki Alonso como adestrador. O Compos fíxose coa pelota dende o primeiro minuto de xogo. Pecharon ao Guijuelo no seu propio campo e polas bandas chegou un perigo constante sobre a porta salmantina. Pero de novo apareceu esa falta de puntería que só nos permite sumar dous goles en dez xornadas. 
Diante, o Guijuelo. O segundo clasificado estaba a ser superado polo segundo pola cola. Só a sorte parecía facer que o Compos non se puxera por diante. Superioridade clara e só faltaba rematar as xogadas cun disparo entre os tres paus. E, de novo, quen perdoa o paga moi caro. Así pasou unha vez máis. O Guijuelo adiantouse a piques de chegar o final do primeiro tempo na única chegada á porta de Pato. Un pase entre os defensas, balón para Carlos Ramos e este dispara ante Catú. O porteiro uruguaio pouco ou nada puido facer. 
Na segunda metade, o Compos baixou a intensidade do xogo e as ocasións desapareceron. As entradas, os nervios, chegaron e pasou seria factura a un equipo que perderá a Marcos Rodríguez por dobre amonestación e a Catú por acumulación de cartóns despois de curtar un contraataque merecendo algo máis que un cartón amarelo. Sen embargo, a expulsión do centrocampista foi un duro pau para Iñaki que tivo que modificar o equipo restando opcións de chegada. 
Os quince últimos minutos foron, de novo, un asedio constante sobre a área do equipo castelán. Pero con máis corazón que cabeza, o equipo topouse coa defensa visitante. De feito, só Dani Hernández foi quen de probar ao porteiro cun disparo potente que despexou cos puños. Os visitantes, co resultado ao seu favor, xogaron un pouco co reloxo e cos trocos perderon todo o tempo posible. 
Finalmente, o Compos ocupa de novo o posto de colista despois da vitoria do Peña Sport e viaxará a Cáceres sen dúas pezas importantes no once. No banco, esta mesma semana podería haber troco de adestrador.

ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Goti (Javi Moreno, min. 65), Mon (Dani Hernández, min. 73), Joaquín, Rubén Sánchez; e Chiño (Orbegozo, min. 54).
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Mon e Catú. Expulsado Marcos por dobre amonestación. 
GOLES: 0-1 42' Carlos Ramos.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario