Sobraron dez minutos

O Compos non puido volver de Valladolid nin sequera cun punto na quinta derrota desta tempada en sete partidos. Unha mala tarde para os nosos, de novo gafados de cara a gol, nunha tempada que xa supera a normalidade. Con algo máis de mala sorte, un encontro que parecía rematar sen goles, pechouse con dous tantos para o equipo local nos dez últimos minutos. 
Coa única intención de rematar coa pésima dinámica, a Esedé saltou ao anexo de Zorrilla con intensidade. Sen embargo, o equipo local deixou o esférico en mans dos galegos pero sen permitir ocasións sobre a porta de Dani Hernández. Así foi ata superados o ecuador do primeiro tempo, cando se probou sorte dende lonxe sen poñer en problemas ao porteiro. 
Moita dureza no centro do campo por parte dos dous conxuntos e que o colexiado, moi ben durante todo o encontro, só soubo frear a base de cartóns, amosando o primeiro a Goti. Como resposta a esa falta, o Valladolid mandou o primeiro balón ao longueiro avisando da facilidade á hora de conseguir crear perigo sobre a porta de Pato. E, antes de rematar o primeiro tempo, Orbegozo non tivo sorte na mellor ocasión para os nosos estrelando o balón no longueiro. 
Na segunda metade máis do mesmo. Moita dureza, imprecisións, sen ocasións de perigo en ningunha das dúas porterías e moitas interrupcións. Nesta ocasión, o balón pasou a mans dos xogadores locais, que tampouco se achegaron á porta de Pato aumentando as opcións de rematar o encontro sen goles, algo que sería a quinta vez que ocorre esta tempada para o equipo pucelano.
Pero chegou o cuarto de hora final. Quince minutos fatídicos onde o Compos tivo no seu poder a segunda vitoria da tempada. Comezaron cun penalti sobre a porta de Dani Hernández. Jordan disparou por baixo, á dereita do porteiro. Ben tirado... pero sen sorprender ao xoven cancerbeiro, que sacou o balón cunha boa estirada.
O erro pareceu afundir moralmente a un Compos que non soubo crear máis perigo. O Valladolid, que ata o momento apenas puxo en perigo a Pato, tivo dez minutos horribles. Comezaron cun penalti e Caye Quintana non perdoou dende os once metros. E, con toda a Esedé centrada no ataque, o equipo local pechou o partido xa no tempo engadido cun segundo tanto, nesta ocasión de Adrián. Un gol que deixou a Pato, do mellor no inicio da tempada, abatido, impotente ante unha nova derrota.
Moito traballo por diante, nunha semana moi dura, e partido ante a Cultural Leonesa o vindeiro sábado. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Dani Hernández (Javi Moreno, min. 72), Fondevila, Jordan, Goti (Rubén Sánchez, min. 57); e Orbegozo (Gerard, min. 72).
CARTÓNS: Amarelos para Goti, Dani Hernández, Javi Moreno e Sergio Sánchez.
GOLES: 1-0 83' Caye Quintana, 2-0 90' Adrián.
ESTADIO: Anexo de Zorrilla. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario