O Compos xogará en Pucela este sábado algo máis que unha final. O partido máis importante ata o momento. Un encontro ante o filial do Valladolid onde a figura de Iñaki Alonso podería estar ao filo da navalla. De non gañar, ou polo menos puntuar, poderíamos estar ante unha revolución no equipo con só unha quinta parte do campionato xogado. A proba de lume para saber se este equipo pode optar realmente ao ascenso.
Visitaremos a un Valladolid B que non pasa por un bo momento de forma. O equipo branquivioleta é o rei dos empates neste inicio de tempada. Dirixidos por Rubén Albés, ocupan o posto de promoción de descenso (16º). Só unha vitoria en seis partidos e outra derrota, completan os seus números os catro empates conseguidos nas primeiras catro xornadas. Catro goles a favor e sete en contra para un equipo que ten como obxectivo final a permanencia na categoría. A nivel individual, Jose destácase como o xogador máis ofensivo con 3 goles. Ademais, Caye Quintana e Dani Vega son os homes máis importantes.
O equipo vallisoletano comezou a liga sen goles en catro encontros. Sen marcalos nin recibilos. Un equipo forte en defensa e un pouco máis frouxo en defensa. Sen embargo, nas dúas últimas xornadas eses datos cambiaron. Superaron ao Tudelano na casa por un axustado 3-2 demostrando a dificultade de gañar no anexo de Zorrilla, e caeron de forma abultada ante o Lealtad a pasada semana en terras asturianas por 5-1. En canto aos nosos, como todos sabemos, non hai goles a favor dende aquel encontro da segunda xornada ante o Peña Sport, cando Gerard Oliva aproveitou un erro do porteiro local para marcar case na mesma liña de gol.
Fai algo máis dun ano, a Esedé visitaba o mesmo campo rematando o encontro coa primeira vitoria fóra de San Lázaro en máis dun ano. Un partido duro e con moitos goles. Unha vitoria importantísima grazas aos goles de Josu, Manu Rodríguez e Borja Navarro. Por contra, Guille e Javi Navas, dous xogadores que xa non pertencen ao equipo castelán, fixeron o 2-3 definitivo.
Para este partido, Iñaki non poderá contar con Portela, baixa ata xaneiro, e terá de novo as dúbidas ata o último momento de Gerard Oliva e Javi Moreno. Pola súa parte, o adestrador galego do equipo local conta coas baixas de Pelayo e Isma, ausentes na derrota ante o Lealtad.
O encontro será este sábado ás 17 horas no Anexo de Zorrilla, campo de herba artificial e de tamaño inferior ao de San Lázaro. O prezo das entradas, para os siareiros que queiran achegarse será de 10 euros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario