O Compos suma unha derrota máis, segunda en San Lázaro e cuarta no que vai de tempada. Un partido onde os nosos foron superiores, cun comezo con superioridade e ocasións. Imprecisións, moitos erros nos últimos metros e mala sorte nalgún momento. Un partido marcado por un gol do equipo verdibranco no primeiro tempo, na súa única ocasión entre os tres paus con perigo, e que fixo estoupar un pouco máis a algún sector da afección contra o adestrador e parte dos xogadores.
O encontro comezou co Compos ben en ataque. Unha ocasión en menos de dous minutos fixo pensar nunha melloría en labores ofensivas. Primeiros minutos de asedio constante sobre a portería visitante pero sen puntería nin sorte. Ocasións suficientes para poñer unha ventaxa importante no marcador ante un equipo que, a base de faltas, conseguiu dar a volta á superioridade branquiazul.
O Somozas buscou reaccionar ante o superioridade local e conseguiron achegarse ás inmediacións da portería de Pato. Unha primeira chegada sen perigo e unha segunda... Falta na frontal da área e cartón amarelo para Sergio Sánchez. Ata aí todo ben. A falta clavouna no fondo das redes Antón poñendo o esférico fóra do alcance de Pato, imposible para calqueira gardameta.
Un gol superada a media hora de partido e que serviu ao equipo somocense para tranquilizar o xogo ata o final do primeiro tempo. Gañaron forza defensiva e alonxaron ao Compos dos seus dominios nos dez minutos restantes.
Na segunda metade un pouco máis do mesmo. A Esedé fíxose de novo coa pelota e chegaron dúas ocasións con sumo perigo. Dani Hernández tivo a primeira cun disparo ao longueiro, a segunda cun disparo que se foi fóra co porteiro no chan e con todo para ao seu favor para marcar e só cinco minutos despois Orbegozo marcou un gol que o asistente anulou por fóra de xogo.
Nervios, imprecisións e interrupcións. Así transcurriu un segundo tempo no que o Compos buscou o gol do empate cun pouco de desesperación. O ritmo baixou e o Somozas meteuse atrás buscando non recibir un gol e asinar a segunda vitoria da tempada.
Con vida ata o último minuto, Orbegozo tivo xa no engadido unha ocasión clara na que gran parte da afección gritou gol polo efecto óptico. Un tiro que saiu lambendo o pau da portería visitante na mellor xogada de perigo da media hora final dun encontro onde por unha parte se puido ver unha pequena melloría a pesar do que o que se pode ver no resultado.
Nova derrota e volta ao último posto da clasificación. Agora xa é momento de pensar na visita a Pucela de dentro de seis días.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 71), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Dani Hernández (Joaquín, min. 63), Fondevila (Rubén Sánchez, min. 63), Jordan, Goti; e Orbegozo.
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Sánchez, Rubén Sánchez e Catú.
GOLES: 0-1 36' Antón.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario