O peor ataque contra a mellor defensa

Un novo sábado en San Lázaro. O momento para mostrar a melloría. Chega o día de recibir a un grande da categoría e superar os malos resultados. O Guijuelo chegará a San Lázaro coa única intención de asaltar o primeiro posto. Un partido que, noutras circunstancias, podería ser entre dous equipos da zona alta coa promoción de ascenso en xogo. Nesta ocasión, os dous segundos, un por enriba e o outro por abaixo, en noventa minutos vitais. 
Sen dúbida, este sábado chegará a San Lázaro un dos equipos favoritos para acadar o ascenso á Segunda división, algo que aínda non conseguiron na súa historia. O Guijuelo é o actual segundo clasificado con 18 puntos, a dous do líder. Cinco vitorias, só unha lonxe da súa casa; tres empates e só unha derrota, a sumada en Burgos. 11 goles a favor e só 4 en contra sendo o equipo que menos goles encaixou no que vai de curso. A nivel individual, Nacho Rodríguez suma xa 4 goles.
Na casa, os salmantinos, son un equipo moi perigoso. Sen embargo, cando xogan lonxe do seu fortín... Sumaron ata o momento 5 puntos de 15 posibles. Unha vitoria en Pasarón, unha derrota no Plantío e dous empates nas saídas a Valladolid e Tudela. A eses resultados tamén lle hai que sumar a derrota colleitada en Lleida na Copa do Rei. Só un gol anotado e dous encaixados, números similares aos feitos polo Compos como local, onde gañou o seu único partido desta tempada ante o Peña Sport. 
Compos e Guijuelo quedaron ás portas da promoción de ascenso a pasada campaña. Quinto e sexto clasificados, ámbolos dous conxuntos sumaron 61 puntos rematando a só cinco da promoción de ascenso. Na visita do equipo verde a San Lázaro, tamén na primeira volta, a vitoria foi do equipo castelán pola mínima, gol obra de Alcañiz en propia porta. 
Historicamente, o Compos nunca foi capaz de gañar ao Guijuelo na casa. Tres encontros saldados con dúas derrotas consecutivas e só un empate, no 2010, a un gol. Só dous goles a prol dos nosos e catro en contra pechan uns datos que ogallá melloren esta mesma fin de semana.
En canto ás baixas, Iñaki Alonso contará coa dúbida de Orbegozo, que tivo minutos en Burgos a pesar de ter dor, e manterá as baixas de Gerard, Jordan e Portela, que está cumprindo os prazos na súa recuperación. Si que volverá ao once o ex do Guijuelo Javi Moreno despois da xornada de descanso por sanción. Ademais, Josu, Rubén Sánchez e Catú están a un cartón de cumprir ciclo por acumulación de amonestacións. Pola súa parte, Javi Barrio, Luis Milla e Carlos de la Nava son baixas no equipo visitante.
O encontro será este sábado ás 17 horas en San Lázaro. Quen non se poida achegar ao campo branquiazul poderá ver o partido en directo na segunda canle da TVG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario