O Compos volve de Burgos cun empate que sabe a pouco. É certo que se trata dun punto lonxe de San Lázaro e que o equipo de Iñaki Alonso recuperou o gol mes e medio despois, pero hoxe era o momento de sumar os tres puntos. Un partido con dúas caras moi diferentes. A Esedé dominou con claridade a primeira metade e na segunda relaxáronse e, unha vez máis, pagouse moi caro. Sergio Sánchez fixo o seu terceiro gol nesta tempada, despois dos dous na Copa, e fixo soñar á afección branquiazul.
Intensidade dende o primeiro minuto de xogo, os nosos saíron con forza na busca da portería burgalesa. Algunha chegada sen demasiado perigo pero mostrando unha melloría en ataque marcaron o inicio ante un Burgos moi frouxo en labores defensivas. O Compos puido xogar sen demasiados problemas en campo contrario pero errando á hora de meter a pelota na portería.
O perdón puido saír moi caro xa moi cedo. O Burgos buscou con rapidez a porta de Pato e ata en tres ocasións en cuestión de algo máis dun minuto puxeron en alerta a unha defensa que non cometeu máis erros importantes na primeira metade. Alerta máxima ante un equipo moi perigoso na casa, nun campo onde a Esedé non sumou nas cinco visitas anteriores.
Despois da triple ocasión do Burgos, o xogo volveu a monopolizarse no campo local. Pechando aos branquinegros no seu campo, coa zona de creación anulada, era o momento de achegarse á área rival e buscar algunha forma de facer dano. E nunha falta no lateral do campo, preto da área, chegou. Falta que pon Joaquín no corazón da área e aparece Sergio Sánchez para facer o primeiro gol da tarde coa testa. Un gol importante non só polo resultado senón que ademais serve para acabar co maleficio de cara a porta despois do encontro ante o Peña Sport.
Co gol en contra, o Burgos buscou recuperar a igualdade no marcador. O equipo castelán saiu a por Pato pero topouse cun muro defensivo imposible de superar nos primeiros corenta e cinco minutos de forma legal, xa que superada a media hora conseguiron facer un gol pero en posición ilegal polo que non subiu ao marcador. Na outra portería, Joaquín perdoou o que podería ser a sentenza.
A segunda metade comezou cunha mala nova. En menos de cinco minutos, Jesús Varela tivo que deixar o seu posto a Josu por lesión. Un golpe duro para un segundo tempo moi diferente ao primeiro. O Burgos pasou de ser un equipo débil, sen apenas opcións ofensivas a dominar o encontro e poñer en xaque a defensa branquiazul, que fixo todo o posible para que os balóns non lle chegasen a Pato.
O dominio no centro do campo desapareceu por completo coa saída de Mon do terreo de xogo. Os trocos e a relaxación pareceron saír moi caros a un Compos que de poder pechar o encontro pasou a conformarse coa diferenza mínima e, a dez minutos para o final, chegou un duro correctivo. Gol de Sergio Cortés para igualar o encontro.
Ata o final, máxima intensidade por parte dos dous conxuntos buscando a porta contraria. Goti tivo o segundo nas súas botas pero mandou o balón por enriba do longueiro perdoando a mellor dos segundos corenta e cinco minutos.
En resumo, o equipo mostrou unha melloría evidente e sumou un punto que se podería facer bo de gañar o vindeiro sábado en San Lázaro ante o Guijuelo.
ALIÑACIÓN: Pato; Jesús Varela (Josu, min. 50), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Goti, Mon (Fondevila, min. 69), Joaquín, Rubén Sánchez; e Chiño (Orbegozo, min. 77).
CARTÓNS: Amarelos para Mon e Rubén Sánchez.
GOLES: 0-1 21' Sergio Sánchez, 1-1 79' Sergio Cortés.
ESTADIO: El Plantío.
Ningún comentario:
Publicar un comentario