Faltou o gol

O Compos rematou unha xornada máis sen marcar pero cun punto máis. Partido sen ocasións, sen apenas intensidade e no que o equipo de Iñaki Alonso mostrou unha lixeira melloría en canto ao xogo. Sen goles, Pato foi de novo o mellor evitando que a Cultural Leonesa puidera saír de San Lázaro coa súa primeira vitoria lonxe do Reino de León esta tempada. Chiño estreouse na categoría deixando boas sensacións pero sen poder poñer en perigo a porta contraria. Pola súa parte, Marcos deixou o seu posto a Javi Moreno para xogar pola banda dereita. O propio Javi Moreno deixou o equipo con dez os últimos minutos despois de ver o segundo cartón amarelo.
O guión repitiuse de principio a fin. O Compos, superior, fíxose coa posesión da pelota. Un dominio total ante unha Cultural Leonesa que non entrou no partido ata os vinte minutos, cando comezou a sacudirse o dominio local. Sen embargo, a pesar de ter o balón, o equipo galego non se achegou á porta contraria. 
Con Jesús Varela e Marcos Rodríguez pola banda dereita, o equipo mostrou unha verticalidade e un xogo que non mostrou nas sete primeiras xornadas. Un fútbol de toque ante un rival que agardou atrás para saír á contra, algo que lle puido saír moito mellor na primeira metade. E é que o Compos perdoou moitas xogadas por non facer chegar bos balóns a Chiño, moi activo o tempo que estivo sobre o campo, e iso buscou aproveitalo o equipo leonés. A piques de rematar o primeiro tempo, un dianteiro visitante puxo en serio perigo a porta de Pato, que de novo salvou ao equipo cunha gran parada. 
Atopado o camiño cara a porta, a Cultural saiu na segunda metade con máis intensidade facéndose coa posesión pero sen crear ningunha ocasión de perigo. Por sorte, o balón non tardou en cambiar de mans e pasou a un Compos que, de novo, non soubo crear ningunha ocasión con claro perigo tendo en Joaquín a mellor, e única, oportunidade dos segundos corenta e cinco minutos para sumar os tres puntos. 
Á seguridade defensiva sumouse o medo ou a conformidade. O Compos estaba a sumar un punto, algo importante tal e como están as cousas, e a Cultural sumaba o seu segundo empate fóra da súa casa, onde só conseguira un punto en tres partidos. E os trocos marcaron o ritmo final do partido que rematou sen goles.
Agora xa só se pode pensar en sumar a segunda vitoria da tempada en Burgos o vindeiro domingo. Un partido difícil nun campo complicado e cos postos de permanencia a cinco puntos. Ademais, o principal será tamén romper o maleficio de cara a gol, que deixa ao Compos cun gol a favor despois de oito xornadas.

ALIÑACIÓN: Pato; Jesús, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Javi Moreno; Marcos Rodríguez, Fondevila, Joaquín (Goti, min. 64), Rubén (Dani Hernández, min. 67); e Chiño (Mon, min. 83).
CARTÓNS: Amarelos para Sergio Sánchez, Rubén e Catú. Expulsado Javi Moreno por dobre amonestación. 
GOLES: 0-0.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario