O Compos voltou á Copa seis anos despois pero, igual que naquela ocasión, o resultado non foi o desexado. Unha nova derrota lonxe da casa dun equipo que non está aínda a un bo nivel. Un partido con erros importantes en defensa, con moitos goles e con Pato confirmándose como o mellor da liga baixo os paus. Dous goles de Rubén Sánchez non foron suficientes para saír do Ciudad de Tudela coa vitoria mentres que Arkaitz por partida dobre e Azpilicueta foron os autores dos tres goles locais.
Igualdade, emoción e intensidade dende os primeiros minutos entre dous equipos que buscaron a portería rival moi cedo. De feito, entre unha falta e outra, as ocasións con perigo non se fixeron de rogar. Pato tivo que salvar o primeiro dos locais aos cinco minutos mentres que Gerard Oliva errou o posible 0-1 a pase de Fondevila demostrando que o equipo non viaxou a terras navarras a facer turismo.
O Tudelano parecía superior sobre o terreo de xogo. Chegadas constantes á porta de Pato. Algún que outro córner pero nada máis lonxe. Na outra portería, un córner rematou da mellor forma posible. Ante o perdón dos navarros, Sergio Sánchez non perdoou cun bo testarazo. Primeiro gol e as esperanzas parecían aumentar na afección branquiazul.
Co primeiro gol, o Comos pareceu baixar un pouco a intensidade e en menos de dez minutos viron como o Tudelano conseguía a mellor oportunidade do xogo para poñer o empate no marcador. Chegada á área branquiazul, centro e o balón pega na cara de Catú, aínda que o colexiado viu unha man pola que viu o primeiro cartón amarelo. Desde os once metros non perdoou Arkaitz. E co empate chegamos ao descanso despois de corenta e cinco minutos de alta intensidade, erros e perdón.
Na segunda metade, o Tudelano tomou o control anulando ao Compos e poñendo en apuros de novo a Pato. E aos quince minutos chegou a recompensa para os locais despois de media hora de superioridade ante un equipo desaparecido. Un gol de Arkaitz tras desfacerse de Josu no lateral da área e asinando así a remontada e poñer un pé na segunda rolda.
Se o segundo gol xa parecía definitivo visto o que estaba a pasar no terreo de xogo, peor se podían ver as cousas oito minutos máis tarde, co terceiro gol xa parecía todo negro. Un gol de Azpilicueta a falta de vinte minutos para o final ante un Compos que non estaba a presentar un bo xogo en labores ofensivas. Unha serie de rexeites e Pato non puido facer nada.
Sen embargo, a emoción retornou no tempo engadido. O Compos con dez, despois da expulsión de Catú por dobre amonestación, foi capaz de encoller a diferenza grazas a un novo gol de Sergio Sánchez, máximo goleador do equipo en partidos oficiais nos tres partidos que levamos polo momento. Co 3-2 non houbo opcións a máis xa que o colexiado sinalou o final do encontro.
O Tudelano xogará a vindeira semana na segunda fase ante o Ebro, que eliminou ao Real Unión. Pola súa parte, o Compos terá unha nova oportunidade na Copa Federación. Antes, o domingo, o noso equipo visitará ao Izarra antes de voltar a casa.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Jordan (Mon, min. 77), Javi Moreno (Chiño, min. 70), Gerard Oliva, Fondevila; e Joaquín (Jesús Varela, min. 71).
CARTÓNS: Amarelo para Jesús Varela. Expulsado Catú por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 24' Sergio Sánchez, 1-1 34' Arkaitz, 2-1 60' Arkaitz, 3-1 68' Azpilicueta, 3-2 94' Sergio Sánchez.
ESTADIO: Ciudad de Tudela. 700 siareiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario