Primeira final en xogo

Levamos dúas semanas de fútbol oficial e xa chega a primeira final para o Compos. A Copa do Rei está aquí nunha semana con ata dous encontros en terras navarras en catro días. Comezamos cunha eliminatoria complicada ante o Tudelano, que milita por cuarta tempada consecutiva na categoría de bronce, nun partido inédito ata o momento.
O Tudelano xogará por cuarto ano a Copa do Rei despois de rematar a pasada campaña quinto clasificado no grupo II. Un rival a ter moi en conta con aspiracións moi altas a pesar de ser un dos 'humildes' da categoría e que de momento sumou unha vitoria e unha derrota, ámbalas dúas polo mesmo resultado: 1-0. Comezaron a tempada cunha derrota en Estella ante o Izarra, seguinte rival da Esedé en Liga, e gañaron tamén pola mínima a pasada fin de semana ante o Sporting B grazas a un gol de Arkaitz. 
Para este encontro, Iñaki Alonso mantén as baixas de Portela e Rubén Sánchez pero viaxan Chiño e Juan Rey, dous xogadores do filial que estiveron co primeiro equipo na pretempada. Pola súa parte, só Meseguer cae da lista dos locais por unha fractura de peroné. 
A Esedé volverá á Copa seis anos máis tarde despois da caída ante o Zamora en 2009, uns meses despois de proclamarse campión en Terceira. Un partido onde os nosos perderon 1-2 rematando un soño nunha tempada con resultados para esquecer. Pola súa parte, o Tudelano comezou en 2014 na segunda rolda, despois de quedar exento na primeira, cunha vitoria ante o San Fernando a domicilio. Na terceira rolda non puideron co Cartaxena caendo por 1-4 na casa. 
O partido será este mércores ás 17:30h, un horario que complicará o seguimento e a presenza de siareiros branquiazuis no Ciudad de Tudela. Ademais só se poderá seguir a traves dalgunhas desconexións puntuais en EsRadio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario