Pontevedra e Compos xogarán este domingo o primeiro derbi galego da tempada. Un partido entre dous equipos da zona baixa da táboa coa única misión de asinar a segunda vitoria do curso. Dous equipos en horas baixas que suman só tres puntos de doce posibles e con números moi similares, algo que pode facer agardar calqueira cousa. Un Clásico do fútbol galego en Pasarón, un dos campos máis fermosos da nosa terra.
Tres anos máis tarde, o Compos volve a Pasarón a visitar a un Pontevedra sen gol. Un equipo, o dirixido por Luisito, que só puido superar ao Tudelano na casa no único encontro onde marcaron e puntuaron. Dous goles a favor, o dobre que os nosos, e só tres en contra, a metade. Seguridade defensiva e problemas á hora de definir as ocasións de perigo. Un equipo que ten postas en Borjas as esperanzas de cara a gol. Polo momento, o ex do Atlético Astorga asinou os dous goles do equipo.
Iñaki Alonso, que segundo a radio pontevedresa podería ter un pé fóra do Compos, contará coa baixa de Portela polo que podería realizar os trocos precisos para mellorar as cousas agora que aínda queda tempo. Pola súa parte, Luisito non poderá contar co ex branquiazul Jacobo por lesión pero podería recuperar a Tomás, baixa ante o Lealtad.
Ninguén esquece a última visita do Compos a Pasarón. Un partido sen goles pero con festa nas bancadas dun campo cheo para un gran derbi. Sobre o terreo de xogo, poucas ocasións, pouco fútbol pero moita emoción.
A pasada xornada, os dous equipos perderon nos seus respectivos encontros. O Compos caeu de novo ante o Sporting B nun mal xogo. Pola súa parte, o Pontevedra caeu na súa visita ao Lealtad pola mínima nun novo partido onde os granates non foron capaces de anotar. Ademais, mostraron problemas en defensa.
O partido será este domingo ás 17 horas en Pasarón. Os afeccionados picheleiros estarán ubicados na bancada de Preferencia con entradas a un prezo de 15 euros para adultos, 5 euros para rapaces entre 18 e 14 anos, 3 euros para nenos entre 7 e 13 e gratis para menores de 6 anos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario