O Compos sumou un punto máis nun partido que os homes de Iñaki Alonso puideron gañar. Un partido con pouco fútbol, poucas ocasións, moitas imprecisións e moitas interrupcións. Un encontro onde os dous equipos gozaron dalgunha ocasión clara coa que poder adiantarse. Dani Hernández e Orbegozo tiveron nas súas botas os tres puntos mentres que Pato e a sorte evitaron que o Pontevedra puidera deixar a vitoria na casa.
Dous equipos sen gol, suman tres en total entre ambos, fronte a fronte. Un partido clave entre dous conxuntos cunha soa vitoria no casilleiro polo momento e ocupando postos de descenso. Todo facía pensar nun partido igualado, con pouco perigo nas áreas e, sobre todo, moi poucos goles. Un guión que se mantivo os noventa minutos con moitas faltas no centro do campo.
O noso Compos saltou ao terreo de xogo con intención de facerse co esférico. Posesións longas e buscando a Dani Hernández polo centro do ataque ante a ausencia de Gerard, que saiu na segunda metade. O zamorano foi o xogador máis ofensivo nos primeiros corenta e cinco minutos pero sen sorte. Atopouse co porteiro local nas dúas mellores xogadas do equipo antes de perder a posesión, que pasou a ser para os granates durante máis de vinte minutos sen apenas probar a Pato.
En defensa, bo nivel. Ben os centrais evitando as chegadas de Borjas, sempre perigosas, e con Pato mantendo as súas grandes actuacións baixo paus coas que nos está acostumando dende o inicio da tempada regular. En xeral, sen erros da nosa zaga nos noventa minutos.
Na segunda metade, o Compos foi notablemente superior. Mellorando o xogo pero errando á hora de rematar as ocasións. Chegadas con moito perigo comezando polas bandas e con centros que os dianteiros non chegaron a rematar. Cabe destacar o primeiro aviso que comezou Jimmy pola esquerda non puido chegar Orbegozo por moi pouco. A mellor ocasión do partido sen dúbida.
A Esedé intentouno ata o último momento pero as numerosas faltas curtaron o ritmo do encontro, baixaron a intensidade e só puidemos ver unha ocasión para cada equipo, que non tiveron sorte de cara a porta. Finalmente, un empate sen goles que deixa aos dous equipos un pouco mellor na clasificación, cun punto máis e con moito por mellorar para completar os obxectivos marcados para o final da campaña.
FICHA
ALIÑACIÓN: Pato; Josu, Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos; Dani Hernández (Joaquín, min. 66), Goti, Jordan (Jesús Varela, min. 76), Javi Moreno; e Orbegozo (Gerard, min. 70).
CARTÓNS: Amarelos para Dani Hernández, Joaquín e Josu.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: Pasarón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario