Nova derrota

O Compos sumou a terceira derrota esta tempada, primeira en San Lázaro nun partido do que poucas cousas, ou máis ben ningunha, positiva se pode sacar. Mal partido do Compos con só tres disparos entre os tres paus, un deles de penalti. Terceiro partido consecutivo, sumando o da Copa do Rei, sumando ata seis goles en contra, ningunha vitoria... Un penalti errado foi do mellor dun equipo onde Catú demostrou unha vez máis ser imparable.
O equipo branquiazul saiu ao terreo de xogo con intención de sorprender ao equipo asturiano. Dúas chegadas sen perigo e pouco máis. O Compos comezou a perder a loita no medio do campo e de non ser polas constantes imprecisións á hora de rematar a porta, o equipo visitante puido poñerse por diante moito antes. 
Chegando ao cuarto de hora de xogo, o Sporting B acadou o seu primeiro premio. Chegada de Guillermo á frontal, desfaise da defensa branquiazul e pon a pelota axustada ao pau, onde Pato non puido chegar. Bo gol do equipo asturiano para poñerse por diante con moito tempo por diante para unha posible reacción local, para unha posible remontada. 
As dúbidas no equipo branquiazul chegaron ao terreo de xogo e iso aproveitouno o Sporting. Superioridade roxibranca, imprecisións por parte dos dous equipos no momento importante e contantes erros só interrumpidos pola mellor ocasión dos nosos. Orbegozo probou sorte cun disparo potente pero topouse co longueiro. 
Faltas, faltas e máis faltas. As entradas por parte dos dous equipos restaron intensidade e ritmo ao encontro antes do descanso facendo desaparecer calqueira ocasión nas dúas porterías, con moito xogo no centro do campo e pouco fútbol. 
Na segunda metade, con dous trocos no descanso, o Compos pareceu mellorar notablemente. Un aviso en cuestión de segundos que na seguinte xogada rematou cun penalti claro sobre Gerard. O dianteiro catalán errou o penalti. Disparou ao centro da portería e Dennis apenas tivo problema para evitar o empate. 
O partido pareceu cambiar de mans. O Compos fíxose coa pelota pero non foi capaz de pasar case do centro do campo. Toque tras toque, os homes de Iñaki Alonso non puideron achegarse á porta rival... antes de perder de novo a batalla no centro do campo. Nada positivo, perdendo o partido ante dez xogadores...
Firmes en defensa, sen ideas no centro do campo e sen puntería nin efectividade na dianteira. Pouca cousa positiva, entre o que se pode destacar a entrega de Catú. O central picheleiro recibiu un golpe na cabeza contra outro compañeiro e saiu moi mal parado. Sen embargo, voltou ao terreo de xogo despois de ser atendido e, como se nada pasara minutos antes, salvou o segundo gol. 
O Compos quixo deixar todo sobre o terreo de xogo e nos derradeiros instantes chegou unha gran chuvia de ocasións sobre a porta de Dennis. Sen embargo, con todo o equipo atacando e con Pato agardando no centro do campo, chegou o maior castigo. Mendi aproveitou a saída do uruguaio e fixo o gol desde o centro do campo. Un erro do que está a ser o mellor do equipo no inicio desta campaña rematando unha nova derrota. 
Pechamos a clasificación unha semana máis. Mantemos só un gol a favor e os goles en contra aumentan a seis. Agora xa só queda pensar no primeiro derbi da tempada, o vindeiro domingo pola tarde en Pasarón ante o Pontevedra. Moito traballo por diante. Moito que mellorar. O obxectivo está a trinta e catro xornadas. 

ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Jesús Varela, min. 46), Catú, Sergio Sánchez, Jimmy; Marcos; Jordan, Javi Moreno (Fondevila, min. 46), Goti; Orbegozo e Gerard (Rubén Sánchez, min. 66).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos, Catú e Rubén Sánchez.
GOLES: 0-1 14' Guillermo, 0-2 93' Mendi.
ESTADIO: San Lázaro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario