Compos e Somozas, os dous últimos clasificados, xogarán este domingo un derbi transformado nunha final. Catro puntos en xogo cando só levamos cinco xornadas de Liga entre os dous peores equipos do grupo en canto a resultados no inicio da campaña. Un encontro importante coa tranquilidade en xogo, sobre todo en canto aos dous adestradores que están a pasar por un momento complicado.
O Somozas ocupa a última posición da táboa despois de sumar unha vitoria en cinco partidos. Tres puntos de quince dun dos equipos máis goleadores da categoría, só superado por cinco equipos e entre os que se atopa o Celta B, que marcou seis ante o Atlético Astorga. Trátase dun equipo que nas tres últimas xornadas fixo sete goles pero, cousas deste deporte, só puido gañar nunha ocasión. Superaron na casa ao Cacereño (3-1) e caeron ante o Tudelano a domicilio (2-1) antes da sorprendente vitoria con moitos goles da pasada fin de semana contra o Lealtad (3-4). En contra, o equipo da Ferrolterra encaixou 10 goles ata o momento. A nivel individual, David Añón é o máximo goleador do equipo con 3 tantos no seu casilleiro.
O Somozas, novo equipo de Diego Rey, visitará San Lázaro por segunda vez na categoría de bronce despois da vitoria branquiazul a pasada tempada. Un precedente na categoría que rematou de forma positiva para os nosos grazas a un gol de Jordan na segunda metade. Un partido un tanto raro xa que o Compos rematou con dez xogadores e Ramón, que estaba no banco de suplentes, tamén expulsado.
Os dous chegarán ao encontro despois de non poder gañar a pasada semana, a pesar de merecelo. A Esedé non puido pasar do empate sen goles en Pasarón ante o Pontevedra. Pola súa parte, o Somozas encaixou unha dura derrota ante o Lealtad. Do 2-0 pasaron ao 2-3 e o encontro rematou cun 3-4 onde as defensas non mostraron un bo nivel deixando moitos ocos.
En canto ás baixas, Iñaki poderá ter a todos excepto Portela. Por contra, Stili non poderá contar con José Varela por sanción despois de ser expulsado a pasada xornada.
O encontro será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Os que non poidan asistir poderán velo en directo a través da segunda canle da TVG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario