O Compos sumou a súa segunda derrota consecutiva en terras navarras na mesma semana, tres de tres fóra de San Lázaro no que vai de curso oficial. Un partido ante un recén ascendido, cun dos presupostos máis baixos da categoría, nun campo moi difícil. O Izarra soubo aproveitar o coñecemento do campo, de herba artificial e con medidas máis pequenas que San Lázaro, e, despois de moito tanteo entre ámbolos dous conxuntos, non perdoaron un erro da defensa branquiazul. Un partido que parecía rematar sen goles e do que a Esedé volve sen nada positivo máis alá da actuación de Pato, o mellor ata o momento. Sen dúbida, unha dura semana para os nosos que remata co equipo de novo na última posición e fóra da Copa do Rei.
O equipo de Iñaki Alonso saiu ao campo de Merkatondoa na busca dalgún oco entre a defensa local, moi ben situada durante os noventa minutos. Xogo de posesión en campo propio e apenas achegándose á área local. Respeto entre ambos e pouco fútbol no centro do campo dun conxunto que tivo que buscar aos seus atacantes a base de balóns en longo.
Vinte minutos de relativa superioridade branquiazul sobre o terreo de xogo ante un Izarra ben situado no seu campo agardando para buscar a porta de Pato á contra, algo que só conseguiron en dúas ocasións nos primeiros corenta e cinco minutos sen excesivo perigo. Cabe destacar tamén do primeiro tempo a acumulación de córners a prol da Esedé, algo que non souberon aproveitar para poñerse por diante.
No comezo do segundo tempo máis do mesmo. O Compos co balón pero sen chegar a producir ningunha ocasión de perigo sobre a porta contraria. Ademais, as constantes faltas por parte de ámbalas dúas escadras fixo que o ritmo fora moi baixo, con pouca intensidade e nada de fútbol en ataque cos dous porteiros como dous afeccionados máis.
De novo, algo habitual nos encontros do noso equipo, o perdón saiu moi caro. Unha superioridade sobre o terreo de xogo que non se puido levar a cabo en campo contrario, rematou coa recompensa para os navarros, ou máis ben como castigo para os galegos. Un gol de Pito a falta de vinte minutos para o final que foi definitivo.
Tempo de sobra por diante para asinar, polo menos, un empate. Vinte minutos onde os nosos non souberon reaccionar e voltan para casa sen nada e coa mente posta no encontro ante o Sporting de Xixón B o vindeiro domingo ás 18 horas en San Lázaro.
O único destacable foi a estrea de Chiño e Juan Rey co primeiro equipo.
ALIÑACIÓN: Pato; Josu (Fondevila, min. 75), Sergio Sánchez, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Javi Moreno (Chiño, min. 87), Jordan (Juan Rey, min. 87), Jesús Varela; Orbegozo e Gerard Oliva.
CARTÓNS: Amarelos para Josu e Jordan.
GOLES: 1-0 71' Pito.
ESTADIO: Merkatondoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario