O Compos recibirá este domingo ao Sporting de Xixón B na cuarta xornada coa única intención de sumar a segunda vitoria desta tempada na casa. Un encontro importante ante o primeiro filial da clasificación e coa urxencia de saír dos postos de descenso. Ademais, está en xogo mellorar o feito a semana pasada onde os nosos colleitaron dúas derrotas entre Copa e Liga en terras navarras.
Cuarto encontro, segundo na casa, e un bo rival que comparte puntuación co segundo clasificado. Un Sporting B que chega a San Lázaro con seis puntos. O equipo asturiano sumou dúas vitorias nos seus dous encontros na casa e unha derrota na visita ao Ciudad de Tudela na segunda cita da tempada oficial. Ademais, hai que ter en conta que por ser un filial, o equipo roxibranco non xoga a Copa do Rei. O equipo de Tomás Hervás sumou ata o momento 3 goles e encaixou só dous encaixando un ante o Cacereño (2-1) e outro ante o Tudelano (1-0). A nivel individual, ata tres xogadores suman un gol cada un.
En canto ás baixas, o Compos chega coa coñecida de Portela. Rubén Sánchez xa está recuperado e volven á convocatoria tamén Goti e Dani Hernández. Pola súa parte, o adestrador visitante poderá contar con todo un plantel formado por un gran número de xogadores, algo que complica ao adestrador de Ponferrada á hora de formar unha convocatoria xusta para todos, entre os que se atopan bos homes preparados para probar sorte no primeiro equipo.
A tempada pasada, o equipo asturiano foi o encargado de rematar con calqueira opción dos nosos para clasificarse para a promoción de ascenso en Mareo. Sen embargo, en San Lázaro a vitoria foi local grazas a un gol de Mensha na recta final da primeira volta.
En canto á última xornada, o Compos caeu na súa visita ao Izarra por 1-0 perdoando de novo algunha ocasión nun partido que parecía rematar sen goles. Pola súa parte, o Sporting gañou ao Lealtad na casa pola mínima grazas a un gol de Jaime Santos na segunda metade.
O partido será este domingo ás 18 horas e voltarán as cámaras da TVG en directo. Ademais, quen non sexa socio terá que pagar 20 euros por entrada en Preferencia ou 25 na Tribuna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario