O Compos sumou a segunda vitoria consecutiva ante un novo rival ao que xa superan os de Iñaki Alonso na táboa. Un gran partido dos nosos ante o filial do Valladolid onde puidemos gozar do retorno de Lemos a un terreo de xogo e a estrea de Iván Pérez coa camisola da Esedé. Quim Araújo e Jordan foron os grandes autores dos tantos locais mentres que Teto fixo o gol visitante desde os once metros.
O Valladolid B comezou o encontro con intención de sorprender buscando a porta de Marqueta con ata dúas chegadas en cinco minutos que incomodaron ao porteiro aragonés. Ás chegadas dos pucelanos tivo que responder rápido Mensha nunha reacción local para ir de menos a máis. Unha chegada do nixeriano tras unha boa xogada de Fondevila que atallou o porteiro non sen dificultades.
Durante quince minutos o partido entrou nunha fase sen dono, con xogo vistoso por parte dos dous equipos, bo ritmo e alta intensidade con ocasións, pouco perigosas, en ambas porterías. Sen embargo un erro de Quim nun man a man foi o aviso do gol que chegaría un minuto máis tarde.
O asedio compostelanista foi de menos a máis e aos vinte minutos de xogo xa se podía falar de monólogo branquiazul ante un equipo inferior. Aínda así, fixeron falta dúas chegadas importantes para a chegada do primeiro gol do encontro. Quim faise cun balón sen dono na área e supera a Julio, que non tivo a súa mellor tarde defendendo a porta do Valladolid B cometendo erros que puideron custar unha goleada aos seus.
Xa co primeiro no peto, o Compos quixo manter o bo momento xogando ata o descanso en campo contrario. Poucas ocasións con perigo sobre a porta rival, só unha destacable de Quim que non atopou portería, pero nada de problemas sobre a de Marqueta.
Tras a reanudación mantívose o espectáculo cunha ocasión por cada equipo entre as que destaca un man a man de Mensha co porteiro que rematou co esférico no pau. E é que o Compos estaba a ser moito mellor sobre o terreo de xogo gozando de ocasións perigosas. Pero de novo chegou o problema de sempre: perdoouse demasiado ante o porteiro e puido saír moi caro.
As entradas de Lemos e Iván Pérez ao terreo de xogo, dúas novidades moi importantes para o encontro, significaron unha melloría do equipo no centro do campo surtindo de máis balóns a Quim, xogador máis adiantado coa saída do terreo de xogo de Mensha.
Restaban algo menos de quince minutos para o final da batalla e co resultado máis que aberto. Era o momento perfecto para mellorar a tarde. Unha xogada pola banda dereita de Manu Rodríguez remata cun pase atrás para Jordan e gol do extremo ourensán facendo estoupar as bancadas de San Lázaro.
Pero non todo sería bo para o Compos ata o final do encontro. Só tres minutos máis tarde o árbitro sinalou un penalti a prol do Valladolid que transformaría Teto aumentando a emoción de cara aos minutos finais, que se convertiron nun espectáculo moi emocionante onde puido pasar calqueira cousa.
Finalmente, o 2-1 foi definitivo sobre o campo de San Lázaro e o equipo xa ocupa a sétima praza a só seis puntos do cuarto. O cuarto que, ademais, é o seguinte rival do Compos a domicilio. O domingo en Logroño partido moi importante para aumentar as opcións cara ao final da tempada.
ALIÑACIÓN: Marqueta, Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos, Jordan, Fondevila (Iván Pérez, min. 62), Manu Rodríguez, Quim Araújo (Borja Navarro, min. 83); e Mensha (Lemos, min. 72).
CARTÓNS: Amarelos para Jimmy, Portela e Fondevila.
GOLES: 1-0 23' Quim, 2-0 77' Jordan, 2-1 81' Teto.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario