Loita no alto da táboa

O Compos volverá a ter diante a un equipo da zona alta da táboa por terceira semana consecutiva. Un partido importante onde hai que sumar os tres puntos para seguir ascendendo postos na táboa. Chega o Valladolid B a San Lázaro a só dous puntos do equipo branquiazul e nun momento que debe aproveitar o equipo local.
Unha semana despois da sorprendente vitoria en Guijuelo, o Compos recibe ao filial do Valladolid coas baixas seguras de Lemos por lesión e Josu e Teles por sanción. Ademais non parece que vaia entrar na convocatoria Yacine mentres que podería verse a primeira actuación de Fernán coa camisola branquiazul. Pola súa parte, Javi Navas será baixa por acumulación de cartóns no equipo castelán. 
Na séptima praza, o filial pucelano visitará San Lázaro por primeira vez para intentar manter a boa tempada pola que pasan. 34 puntos no casilleiro, os homes de Rubén de la Barrera suman 9 vitorias, as mesmas que o Compos; 7 empates e 6 derrotas. Trátase do cuarto equipo máis goleador da categoría e o máis goleado da media táboa para enriba. Un equipo que lonxe da súa casa presume de ser un dos mellores equipos da categoría con 15 puntos. En canto aos rexistros individuais, Guille é o máximo goleador do equipo con 6 goles.
Na pasada xornada, o Compos puido sumar unha vitoria esperanzadora despois de dúas derrotas. O gol de Jimmy en Guijuelo rematou cunha mala xeira de resultados ante o segundo clasificado. Pola súa parte, o filial vallisoletano acumulou 6 dos 15 últimos puntos posibles perdendo só ante o Murcia pero gañando unicamente ao Zamora a domicilio. 
En canto á primeira volta, o Compos sumou unha gran vitoria en Pucela con remontada incluida. Javi Navas inaugurou a conta na primeira metade. Josu foi capaz de empatar ao cuarto de hora da reanudación pero só tres minutos máis tarde chegaba o segundo dos locais. A reacción galega non se fixo agardar e en dez minutos chegaron dous goles de Manu Rodríguez e Borja Navarro para asinar a primeira vitoria lonxe de San Lázaro en máis dun ano. 
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro sen televisión. Sen embargo, quen non poida asistir ao coliseo branquiazul poderá seguir o partido no Twitter oficial da Curva Branquiazul.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario