Este domingo, o Compos terá un difícil encontro ante outro dos equipos da zona alta nun escenario un tanto inusual. Os homes de Iñaki Alonso buscarán a terceira vitoria consecutiva en terras rioxanas onde as nevadas foron protagonistas nesta semana, algo que pode complicar moito a chegada de siareiros santiagueses a Logroño.
En Las Gaunas agarda xa a Unión Deportiva Logroñés, equipo refundado no ano 2009 e equipo de Segunda B dende o mesmo ano, cando conseguiron o título de campión de Terceira. Actualmente é o cuarto clasificado igualado a puntos co terceiro, o Guijuelo (41) e a só dous puntos do quinto, o Racing de Ferrol que visitará Santiago o día 15 no que será o día do clube en San Lázaro. A diferenza entre o Compos, sétimo, e o equipo da capital rioxana é só de seis puntos. En canto ás estadísticas, sumaron ata o de agora 12 vitorias, 5 empates e 6 derrotas, 30 goles a favor e só 22 en contra confirmándose como o cuarto equipo menos goleado só superado polos dous primeiros e a Esedé. A nivel individual presumen de ser un equipo onde os goles parecen estar moi repartidos. Titi e Iker Alegre, o ex do Ourense que non poderá estar ante os nosos por sanción, suman cada un 5 goles mentres que Menudo leva catro na súa conta particular.
Na casa, o Logroñés é un equipo moi fiable. Gañaron ata 8 de 12 encontros, empataron en 3 ocasións e só quedaron sen puntuar na visita do Coruxo a Las Gaunas nun partido no que os homes de Rafa Sáez gañaron grazas a un gol de Mateo no inicio do encontro.
En canto ás baixas, Iñaki Alonso poderá contar por fin con todo o plantel á excepción de Cristian Tomás, xogador procedente da segunda división polaca e que aínda non foi presentado. Poderían debutar Fernán e Yacine onde a Esedé estreará as camisolas co novo patrocinador 'Eulogio Viñal' nun once onde parece que estará Iván Pérez, que xa tivo minutos ante o filial do Valladolid. Pola súa parte, o adestrador local non poderá contar con Iker Alegre nin Jacobo por sanción mentres que Javier Herreros será dúbida ata última hora despois de mancarse nun adestramento desta semana.
En canto á última visita ao mítico estadio rioxano, o Compos non puido rematar a tempada, xa co obxectivo logrado, cunha vitoria. Os de Logroño superaron ao equipo de Fredi grazas aos goles de Goñi e Omar.
Por outra parte, os dous equipos chegan despois de consumar resultados moi diferentes. O Compos superou ao Valladolid B con goles de Jordan e Quim Araújo. Pola súa parte, o Logroñés non puido co Tropezón, equipo que está a saír dos postos de descenso grazas aos últimos resultados positivos. Un gol de Chevi non foi suficiente para que os de Pouso puideran puntuar nun encontro que rematou 3-1 favorable aos cántabros.
O encontro será este domingo ás 17 horas se finalmente cesan as nevadas no norte do país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario