Nin nos peores pesadelos...

En Las Gaunas puido chegar a terceira vitoria consecutiva do Compos. Un bo partido en ataque dos homes de Iñaki Alonso que rematou cun reparto de puntos un tanto incrible xa que a falta de dous minutos para o final do encontro os galegos gañaban por 1-3. Dous goles nun minuto dos locais serviron para que a Esedé volva a alonxarse dos postos de promoción de ascenso, que queda a seis puntos. Jimmy, que foi expulsado na primeira metade; Mensha e Jordan fixeron os tres goles nun encontro de tolos. 
O Compos chegou a Logroño coa intención de sumar, por fin, a terceira vitoria consecutiva no que parece ser o mellor momento da tempada do equipo cando, pola contra, chegan os rivais máis duros. Igualdade sobre o terreo de xogo entre dous equipos con forzas un tanto similares a pesar das diferenzas na táboa. 
Os dous equipos buscaron a portería contraria. Baixo os paus da porta galega, Marqueta foi, de novo, un seguro na primeira metade evitando que puidera chegar o primeiro local cedo. Pola súa parte, Jimmy adiantou ao Compos na máis clara dos primeiros minutos aproveitando un balón morto na área rival. Un disparo cruzado do lateral para facer de novo un gol moi importante.
O lateral santiagués foi protagonista tamén á media hora freando unha chegada moi perigosa do equipo rioxano. Falta na frontal e cartón vermello deixando ao Compos cun menos. Lonxe de mellorar o panorama, Muneta fixo o gol do empate de falta.
Partido tolo cun xogador menos por equipo e que foi cada vez máis estraño. Superior o Logroñés, a cinco minutos para o final da primeira metade chegou un penalti en contra que aumentou a polémica. O colexiado amosou un cartón vermello a Alcañiz por equivocación, algo que explicou aos xogadores no mesmo momento, por un penalti que posteriormente enviaría Camochu fóra do campo perdoando o segundo. 
Quen non perdoou para poñer aos nosos por diante antes do descanso foi Mensha só un minuto despois. Contraataque dos branquiazuis e o dianteiro nixeriano non erra no man a man ante o porteiro facendo o segundo só segundos máis tarde da posibilidade da chegada da remontada local. 
Na segunda metade mellorou o Logroñés poñendo en serios problemas á defensa branquiazul, que rematou mermada de cara ao partido ante o Racing onde non poderán estar tres dos catro habituais. O Compos buscou un terceiro co que pechar a vitoria mentres que foi o equipo local o que tivo a mellor ocasión cun gol posteriormente anulado por man en ataque. 
Moito sufrimento sobre o céspede de Las Gaunas pero sen conceder ocasións sobre a porta de Marqueta amosando seguridade en labores defensivas anque xogando moitos minutos en campo propio debido á superioridade rioxana. 
Co paso dos minutos e os trocos, o Compos foi mellorando. A entrada de Yacine Qasmi, que deixou boas sensacións na súa estrea, significou máis posesión para os galegos e a ocasión coa que chegaría o terceiro gol. O franco-marroquí foi derrubado na área rival e desde os once metros non perdoou Jordan a falta de menos de dez minutos para final facendo crer que a vitoria xa estaba no peto. 
Pero, lonxe das mentes de calqueira, chegou un minuto fatídico. A defensa parece que baixou os brazos, a relaxación foi excesiva e Miguel Santos e Ubis lograron un empate que deixa mal sabor de boca na afección branquiazul.
Agora xa é momento de pensar no Racing de Ferrol do vindeiro domingo no que será o partido máis importante do mes. 

ALIÑACIÓN: Marqueta; Catú, Alcañiz, Portela, Jimmy; Marcos; Manu, Jordan, Fondevila (Iván Pérez, min. 73), Quim (Yacine Qasmi, min. 69); e Mensha (Teles, min. 61).
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Alcañiz e Portela. Expulsado Jimmy.
GOLES: 0-1 21' Jimmy, 1-1 32' Muneta, 1-2 42' Mensha, 1-3 83' Jordan, 2-3 88' Miguel Santos, 3-3 89' Ubis. 
ESTADIO: Las Gaunas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario