Caen os soños

Hoxe en San Lázaro perdéronse case tódalas posibilidades de entrar na promoción de ascenso a Segunda división. Unha dura derrota na casa ante o Racing de Ferrol, o mellor rival que pasou polo teatro branquiazul no que vai de tempada, por tres goles de diferenza, renta máis ampla xunto coa da visita a Astorga. Duro encontro no que marcaron Joselu, Maikel e Pablo Rey e no que Jordan non puido rematar despois de ser inxustamente expulsado. 
Mal comezo do Compos ante un equipo superior que buscou rapidamente poñer en problemas a Marqueta, algo para o que precisaron dez minutos. Moitas imprecisións nos primeiros minutos, xogo no medio do campo e moi poucas ocasións, ningunha con perigo por parte dos locais nos primeiros corenta minutos. 
O Racing, aínda que con problemas, si conseguía chegar á portería de Marqueta con moito perigo. Dous disparos de Dalmau e outro de Dani Rodríguez ante os que apareceu moi ben Marqueta avisaron das dificultades dun encontro que se puxo moito máis difícil co gol de Joselu desde os once metros. Portela derrubou ao de Palmeira e o colexiado non o dubidou un momento.
Co resultado en contra puido chegar o empate antes do descanso. Unha boa chegada de Josu que se topou co longueiro na mellor ocasión dos nosos nos primeiros corenta e cinco minutos, onde o Racing mostrouse superior notablemente. 
Na segunda metade parecía mellorar moito o equipo local buscando dominar e chegar con perigo á porta de Mackay. Sen embargo, dúas ocasións perigosas de Yacine e Catú entre os tres paus serviron de antesala para a acción que cambiou totalmente o encontro. Chegada de Jordan, entrada dentro da área ao ourensán e o colexiado sinala simulación de penalti cando a falta foi clara. Segundo cartón para o extremo, que hoxe xogou de lateral substituindo a Jimmy, e o Compos con dez durante media hora. 
A tensión aumentou e o xogo pasou a ser moito máis duro. Faltas por parte dos dous equipos que se saldaron a base de cartóns para os dous equipos amosando ata seis en total o colexiado, que tivo unha pésima actuación. 
Entre falta e falta chegou unha das peores novas. O Racing mantivo o asedio sobre a porta de Marqueta e só foi cuestión de tempo que chegase un segundo gol. Man a man de Maikel ante o porteiro aragonés e novo tanto do conxunto ferrolán co que case matar o encontro a quince minutos para o final.
Pouco puido facer un Compos derrotado no último tramo dun encontro que rematou definitivamente co terceiro gol. Un golazo de Pablo Rey desde fóra da área que entrou tras golpear no longueiro confirmando unha nova derrota do conxunto santiagués que xa pensa no Celta B, partido do vindeiro domingo. 

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Portela, Catú, Jordan; Marcos Rodríguez; Fondevila, Teles, Quim Araújo; Mensha e Iván Pérez. 
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Portela, Josu e Teles. Expulsado Jordan por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 36' Joselu, 0-2 74' Maikel, 0-3 84' Pablo Rey. 
ESTADIO: San Lázaro. Boa entrada. Chegada dun bo número de siareiros ferroláns. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario