O Compos acumula dous encontros sen coñecer a vitoria despois do inmerecido empate en Logroño e da derrota ante o Racing de Ferrol. Unha mala dinámica de resultados que hai que cambiar este domingo no campo de Barreiro ante un Celta B que sumou unha vitoria nos últimos seis encontros. Un novo derbi entre irmáns onde a vitoria é un deber para os dous conxuntos.
Ante o noso equipo estará un filial celeste que un ano máis loitará por non descender. Un equipo que se verá danado polo derbi que se xogará o sábado na Primeira división xa que Borja Fernández e Samu irán convocados co primeiro equipo. Actualmente ocupan a 12ª posición da táboa con 32 puntos, 4 menos que o Compos. 9 vitorias, 5 empates e 11 derrotas avalan a un equipo que presume de ser o segundo equipo máis goleador dos trece últimos clasificados, só superado polo Astorga, con 32 goles a favor e 35 en contra. A nivel individual, Borja Iglesias é o máximo goleador do equipo con 9 goles ata o momento. En canto aos partidos como local, o filial olívico sumou como local só 16 de 36 puntos posibles. 4 vitorias, 4 empates e 4 derrotas ata o momento mostran a igualdade en canto aos partidos en Barreiro.
Para este derbi Iñaki Alonso finalmente poderá contar con todo o equipo despois do partido de sanción de Jimmy e Alcañiz e incluindo a Jordan, ao que o Comité de Apelación retirou o segundo cartón visto o outro día. Sen embargo, o vasco levará 17 xogadores, entre os que deberá facer un descarte, xa que Jimmy será dúbida ata última hora. Pola súa parte, o adestrador do Celta B non poderá contar cos dous xogadores que estarán ao mando de Berizzo.
O partido parece ser moi diferente ao da primeira volta, onde os vigueses gañaron por 1-2 con goles de Jimmy polos branquiazuis Thaylor e Borja Iglesias. Un encontro onde o colexiado amosou ata once cartóns amarelos.
En canto á última xornada, os dous equipos remataron con derrota. O Compos non puido co Racing de Ferrol no retorno de Joselu a San Lázaro, con gol incluido, nun partido onde nada saiu ben. Pola súa parte, o único positivo da visita do Celta B a Tanos foi o gol de Señé, fichaxe estrela dos vigueses procedente do Oviedo. O resultado final foi de 3-1.
O partido será este domingo ás 16:30 horas en Barreiro. Quen non vaia a Vigo poderá ver o encontro en directo a través das cámaras da TVG na súa segunda canle.
Ningún comentario:
Publicar un comentario