O Compos conquista Vigo

Terceiro derbi galego da xornada e terceira vitoria visitante. Despois da sorpresa do Somozas en A Malata e do gran partido do Celta en Riazor, o Compos volve cos tres puntos de Barreiro. Partido moi emocionante ata o final e co gol máis rápido da tempada por parte dos santiagueses. Un gol de Yacine foi suficiente para que os de Iñaki Alonso poidan pensar no Marino de Luanco coas vistas postas na promoción de ascenso, agora mesmo a 6 puntos cun Oviedo-Racing de Ferrol a vindeira xornada que podería axudar a aumentar os nosos soños. 
Despois de dous encontros lonxe da vitoria era o momento de saír a por todas dende o primeiro minuto de xogo nun campo difícil e ante un rival que coñece á perfección aos nosos. Sen embargo, ninguén podía agardar que na primeira xogada de ataque chegaría o gol. Algo máis de medio minuto pasara do asubío inicial cando o franco-marroquí Yacine Qasmi superou a Óscar Santiago tras unha contra levada á perfección por Álvaro Lemos, do mellor do equipo. 
Un inicio onde os de Iñaki Alonso puxeron todo sobre o terreno de xogo. Moita intensidade co balón e alta presión sen el coa liña defensiva case no centro do campo logrando que o Celta B non puxera en apuros a Raúl Marqueta, moi seguro baixo paus os noventa minutos.
Sen embargo, co paso dos minutos foise facendo co manexo do esférico o filial celeste. Pasaron a dominar o encontro ata o final da primeira metade e o encontro entrou nunha dinámica de xogo duro que se saldou con catro cartóns para xogadores do Compos facendo pensar que non remataría o equipo cos once xogadores sobre o terreo de xogo.
Na segunda metade máis do mesmo. A Esedé saiu a por todas na segunda metade aumentando a intensidade do encontro e achegándose á porta celeste con perigo sobre todo nos quince primeiros minutos. Unha intensidade que baixou cos trocos feitos polo adestrador vasco e que aproveitou o Celta B para buscar a porta de Marqueta. 
Os locais pasaron a dominar o encontro con claridade pero sen saber pasar da liña defensiva formada por catro xogadores dos cales tres xogaron amonestados dende o primeiro tempo. Uns minutos onde se mostrou de novo a seguridade defensiva que caracteriza aos santiagueses. 
Para sacudirse da superioridade, os últimos minutos chegaron con dúas ocasións perigosas por parte de Jordan, que se topou coa madeira, e Manu Rodríguez, que non atopou portería cando todo facía pensar que anotaría o segundo gol da tarde finiquitando a vitoria. 
Con tres puntos máis toca pensar no Marino de Luanco, último clasificado. Partido a partido e conseguiremos o noso obxectivo.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Catú, Alcañiz, Jimmy; Lemos (Teles, min. 60), Marcos, Manu Rodríguez, Iván Pérez; Yacine Qasmi (Mensha, min. 71) e Borja Navarro (Jordan, min. 76). 
CARTÓNS: Amarelos para Catú, Alcañiz, Josu, Yacine, Lemos e Manu Rodríguez. 
GOLES: 0-1 1' Yacine Qasmi.
ESTADIO: Barreiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario