O fútbol volve á nosa casa despois de dúas saídas consecutivas. O Compos estrearase en San Lázaro neste 2015 e farao ante a Cultural y Deportiva Leonesa, un equipo que en principio loitará ata o final da tempada polo mesmo obxectivo que a Esedé, que parece que será rematar a tempada na zona media alta da táboa con opcións de loitar a vindeira tempada pola Copa do Rei, algo que pode ser algo economicamente importante de conseguir chegar á rolda onde entran os equipos de Primeira división. Ademais poderemos ver o regreso a San Lázaro do que foi xogador do noso equipo durante dúas tempadas Diego Peláez, peza importante no ascenso á categoría de bronce.
Case un mes máis tarde, San Lázaro abrirá as súas portas para un novo gran encontro entre dous rivais directos. Un encontro onde non poderán estar sobre o terreo de xogo Mateo nin Lemos, baixas ás que se suma a de Borja Navarro despois do partido da semana pasada, por lesión por parte do Compos mentres que Ballesteros non estará tampouco por lesión mentres que Diego Calzado, Villarejo, Turzo, Viti e Valentín quedarán en León por decisión do adestrador visitante.
O noso rival chegará nun momento de forma difícil de igualar despois de puntuar nos seis últimos partidos. Un equipo que agora mesmo suma dous puntos máis que o Compos e que acumula dous partidos puntuando lonxe do Reino de León despois dun mal comezo a domicilio nas primeiras datas do campionato. 12 puntos de 27 posibles fan do conxunto leonés un equipo a ter en conta xa que dos nove encontros hai que ter en conta que só 3 contan como derrota (Valladolid, Ferrol e Luanco). En canto ao nivel individual, Isaac Aketxe perfílase como xogador máis perigoso despois de sumar 9 dos 29 goles que suma o seu equipo. Como dato positivo, un dos equipos máis goleadores da categoría encaixou 25 goles ata o momento sendo o segundo equipo máis goleado da metade alta da táboa só superado polo filial do Celta.
A vinganza podería estar na mente dos nosos xogadores despois da derrota colleitada na segunda xornada en terras leonesas. Un gol de Borja Martínez foi suficiente para que os tres puntos quedasen no Reino de León. Ademais, en case tódalas visitas da Cultural a San Lázaro voaron os tres puntos cara Castela, exceptuando a pasada campaña na que dous goles de Joselu e outro de Yahvé deixaron os tres puntos na casa por primeira vez ante dito rival.
Para este partido, os dous equipos chegan despois de sumar resultados diferentes. O Compos non puido puntuar na súa visita a Burgos nun encontro onde os nosos remataron con só dez homes sobre o terreo de xogo pola lesión de Borja Navarro. Mentres que, pola súa parte, Borja Martínez foi o autor do gol do empate da Cultural no 89 despois dun gol do Tropezón no 86 sumando un punto valioso.
O partido será este domingo ás 17 horas en San Lázaro. Quen non poida asistir ao coliseo branquiazul poderá ver o encontro pola segunda canle da TVG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario