O Compos sumou unha nova derrota en Burgos ante un equipo que aproveitou dous erros defensivos do equipo galego para levarse os tres puntos. Un partido onde os homes de Iñaki Alonso, unha vez máis, perdoaron demasiado e que rematou xogando con dez xogadores pola lesión de Borja Navarro cando xa non restaban trocos. Ademais, na primeira metade tivo que saír do terreo de xogo Manu Rodríguez pola mesma razón aumentando os problemas na zona alta do equipo. Cristian López e Quesada, autores dos goles.
Despois de dúas vitorias consecutivas para crer nunha boa remontada cara á promoción de ascenso chegou unha xornada imposible de desaproveitar. Empates do Valladolid B e da Cultural e a derrota do Avilés servirían para que, coa terceira consecutiva, o Compos se puxera sexto. Sen embargo, cando máis sinxelo parecía peor foi a cousa.
Para non variar, o Compos quixo levar o manexo do partido nos primeiros minutos. Posesión para os galegos e chegadas con perigo á porta defendida por Del Val, que foi o mellor do seu equipo salvando varios goles nos noventa minutos. Pola súa parte, o equipo burgalés quixo pero non puido sequera superar a unha das mellores defensas da Liga, terceira tendo en conta os goles encaixados ata o momento.
Os minutos pasaron pero pouco se puido ver nas porterías despois do primeiro aviso nos cinco minutos iniciais. De feito, así chegamos ao tempo engadido da primeira metade, cos dous equipos inofensivos en labores de ataque. Por desgraza, nuns minutos onde as cousas non puideron saír peor chegou o gol.
A falta dun minuto para o descanso, chegou a primeira desgraza coa lesión de Manu Rodríguez, que tivo que deixar o seu posto a Teles. E xa cando estaban a piques de rematarse os dous minutos de engadido, nun córner adiantouse Cristian aos dous centrais do Compos para rematar coa testa o esférico ao fondo das redes.
Na segunda metade os branquiazuis intentaron sorprender nos minutos iniciais. Non lograron ter o dominio dun encontro tolo e os dous equipos gozaron de moi boas oportunidades para poder modificar o marcador. Sen embargo, os dous porteiros mostraron un gran nivel con boas intervencións evitando a chegada de máis goles por parte dos dous conxuntos.
Vendo a seguridade en defensa que, unha semana máis, ofreceu baixo paus Marqueta, Iñaki Alonso decidiu esgotar os trocos a falta de media hora coa entrada de dous xogadores de ataque, unha acción que saiu moi cara co paso dos minutos.
E de novo as desgrazas non chegaron soas. Primeiro tivo que retirarse Borja Navarro, despois de xogar só catorce minutos e recibir un golpe nun encontronazo co porteiro local. E só tres minutos máis tarde, Quesada rematou unha nova vitoria do Burgos de novo a balón parado aproveitando un novo erro minutos antes do dianteiro asturiano do Compos, tempo antes de ser retirado.
Finalmente, a derrota mantén ao Compos noveno clasificado a só dous puntos da Cultural, sexto e seguinte visitante a San Lázaro. Sen embargo, por desgraza, o Racing queda a seis puntos mentres que a promoción de ascenso queda a sete.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Catú, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez, Iván Moya (Fondevila, min. 62); Jordan, Manu Rodríguez (Teles, min. 44), Quim Araújo; e Mensha (Borja Navarro, min. 62).
CARTÓNS: Amarelos para Marcos Rodríguez e Manu Rodríguez.
GOLES: 1-0 46' Cristian López, 2-0 79' Quesada.
ESTADIO: El Plantío.
Ningún comentario:
Publicar un comentario