O Compos segue sen gañar na segunda volta despois de dous encontros sen nada de sorte. Ante a Cultural, dous erros de Marqueta, algo que demostra que é humano, custaron unha nova derrota ante un equipo que fixo méritos para lograr o conseguido os vinte primeiros minutos. Diego Peláez e Tejedor fixeron os dous goles dos leoneses mentres que Mensha non foi capaz de superar ao porteiro visitante despois de facer un partido moi bo.
A Cultural saiu ao terreo de xogo coa intención de evitar que o Compos puidera dominar o partido dende o primeiro minuto, como é habitual nos partidos en San Lázaro. Ata tres córners en cuestión de dous minutos serviron de aviso a un equipo que, superados os dez minutos, non soubo evitar o que só foi cuestión de tempo. Novo saque desde a esquina, erro de Marqueta e gol de Diego Peláez, que o celebrou como se valera un título e grazas ao que deixou cun mal sabor de boca á afección que o animou durante os dous anos anteriores.
Despois do primeiro gol, Mensha buscou meter ao equipo no encontro cun testarazo que non viu portería. Sen embargo, sete minutos máis tarde do gol do santiagués, Tejedor fixo o segundo da tarde cun pouco de sorte. Disparo desde fóra da área, o esférico golpea nun defensa e Marqueta non consegue chegar a tempo para desviar o segundo gol.
Menos de vinte minutos de partido e a Cultural xa levaba unha ventaxa difícil de superar. Sen embargo, Mensha buscou ata o descanso recurtar diferenzas errando ata dous goles cantados e vendo un cartón por xogo perigoso ao golpear a un rival nun intento de chilena. Pola súa parte, Peláez errou un gol máis ante Marqueta no man a man.
A segunda metade foi un monólogo constante do Compos ante un equipo que se limitou a defender o resultado. Sen embargo, só Mensha foi capaz de poñer en perigo a porta defendida por Leandro. Complicacións á hora de atopar ocos, erros no último pase e nada de acerto á hora de finalizar as xogadas por parte do dianteiro nixeriano.
Corenta e cinco minutos máis de sufrimento onde, en varias ocasións, puido chegar máis dun susto para os xogadores visitantes. Sen embargo, unha vez máis botouse en falta outro dianteiro que puidera axudar a Mensha en labores ofensivas xa que Borja Navarro non poderá contar para Iñaki Alonso ata o vindeiro encontro da Esedé na casa ante o Valladolid B.
Finalmente, o Compos remata a xornada noveno a nove puntos da promoción de ascenso e só a cinco da promoción de descenso. A seguinte saída será ao campo do Guijuelo, o domingo, para visitar ao segundo clasificado.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez (Teles, min. 58), Jordan, Fondevila (Iván Moya, min. 75), Quim Araújo (Moreira, min. 75); e Mensha.
CARTÓNS: Amarelos para Mensha, Marcos Rodríguez e Fondevila.
GOLES: 0-1 11' Peláez, 0-2 18' Tejedor.
ESTADIO: San Lázaro. Menos de 1.000 afeccionados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario