O Compos refórzase

Tres semanas despois de que se abrira o mercado invernal no fútbol español, o Compos fixo os primeiros movementos. Despois da derrota ante a Cultural e a poucas horas da visita a Guijuelo, Iñaki Alonso anunciou na rolda de prensa do venres pola mañá e a periodista Silvia Castiñeiras no seu perfil de Twitter ao mediodía, algo que o clube non fixo público ata ben entrada a tarde. Iván Moya deixa o clube despois de negociar a rescisión do seu contrato mentres que se reforzará a dianteira coa chegada de Fernán, cedido polo Celta B. 
O andaluz chegou a San Lázaro o pasado verán procedente do Arroyo cacereño. O centrocampista foi un fixo nas convocatorias de Iñaki Alonso e na gran maioría dos encontros contou con minutos saíndo de titular, ata en 6 encontros, ou na segunda metade desde o banco de suplentes, en 7 ocasións, contando con case 600 minutos en total. Entre os seus números destacan os seis cartóns amarelos.
Por outra parte chega o dianteiro Fernán Ferreiroa. Aos seus 19 anos, o dianteiro do Celta B non estaba a ter minutos no filial celeste e estará cedido na Esedé ata final de tempada. Dianteiro centro que pode xogar polas bandas con experiencia na categoría de bronce despois de xogar 29 encontros a tempada pasada, na que contou con 1300 minutos no equipo de Barreiro. De momento non se estreou na Segunda B de cara a gol, algo que buscará facer estes catro meses que restan de competición.
Ademais, Mateo Mariño, que aínda non se estrou en partido oficial co Compos culpa, en gran parte, do gran estado de forma de Jimmy, podería recalar no Xuventú Sanxenxo da Terceira división, equipo que loitará por rematar a tempada nos postos altos da táboa. 
En canto á directiva do Compos, seguen negociando para incorporar xogadores na semana que queda antes de que se peche o prazo de fichaxes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario