Hai que volver á vitoria

Despois de dúas derrotas consecutivas, o Compos volve ao traballo para visitar un dos campos máis difíciles da categoría. O Guijuelo, segundo clasificado, recibirá ao Compos buscando volver ao camiño da vitoria, algo que non puido conseguir ningún dos dous a pasada xornada. Un partido co que volver a mirar cara os postos de promoción de ascenso e poñer terra de por medio cos postos de descenso. 
O Compos visitará o estadio salmantino coa baixa segura de Lemos, que xa adestra co resto dos seus compañeiros e podería volver á acción nas vindeiras semanas. Aínda así, Iñaki fará varios descartes antes de saír cara Salamanca rematando unha lista de 16 xogadores. Pola súa parte, Yeray será baixa por sanción no equipo local. 
O rival deste domingo será o segundo clasificado do grupo I da Segunda B. Un equipo que leva toda a tempada na zona alta da clasificación loitando por esta na promoción de ascenso ao final da campaña e confirmándose como a sorpresa do torneo só superado polo Oviedo, intratable. 41 puntos avalan ao equipo castelán ata o momento despois de sumar 11 vitorias e 8 empates. Ademais, poden presumir de ser o equipo da categoría con menos derrotas: só 2 ante o Tropezón na pasada semana e o Oviedo recibindo ata 8 goles nos dous encontros e sen conseguir anotar ningún. En canto aos goles, son o segundo equipo máis goleador con 34 a favor e o quinto que máis encaixa, con 23 goles en contra. A nivel individual, Nierga suma 11 goles no que vai de tempada. Cabe dicir que nas filas do Guijuelo, baixo os paus de forma habitual, atópase Davis Epassy, porteiro que estivo a proba no Compos e que desapareceu horas antes de asinar o seu contrato coa entidade branquiazul.
Como local, o clube salmantino está intratable. 27 puntos de 33 posibles mostran a seguridade coa que contan cando xogan ante a súa afección deixando puntos só Valladolid B, Sporting B e Burgos, só o último rematando sen goles. 
A Esedé buscará remontar o voo despois de dúas derrotas e intentará traer os tres puntos do Municipal de Guijuelo, algo que foi incapaz de facer a tempada pasada onde o resultado foi de empate a un gol, de Manu Rodríguez para os galegos. Ademais, os verdibrancos lograron voltar a casa cos tres puntos despois da última visita a San Lázaro grazas a un gol de Alcañiz en propia meta na segunda metade.
En canto á ultima xornada, o Compos caeu ante Peláez e compañía. Un partido onde non saiu nada ben e no que a Cultural aproveitou dous erros para sumar unha vitoria máis e ascender na clasificación. Pola súa parte, o Guijuelo sumou en Santa Ana a segunda derrota da tempada ante o Tropezón por 3 goles a 0 facendo ver que a forma de gañar é deixando ao equipo lonxe da portería. 
O encontro será este domingo ás 17 horas sen televisión. Ademais, as nevadas fan que a asistencia de afeccionados galegos sexa case imposible. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario