O Compos pecha o mercado

O último día de mercado deixou dúas novas en San Lázaro, unha boa e unha mala. Dúas novidades importantes que nos deixan un reforzo para a dianteira e unha saída importante e difícil de superar dentro do vestiario. Yacine Qasmi, dianteiro franco-marroquí chega e ocupará a praza de xogador senior que deixa libre a marcha de Manuel Castiñeiras, que deixa o fútbol para ocupar un posto no organigrama do clube santiagués.
Procedente do Sestao vasco, Yacine Qasmi chega a Santiago para rematar a súa terceira tempada na Segunda división B. Nado en Francia fai 24 anos, o dianteiro pasou polas filas do Xetafe B e do Sporting B antes de recalar no equipo verdinegro. Formado nas categorías inferiores do Paris Saint-Germain, onde chegou a estrearse co primeiro equipo, tamén pasou polo filial do Stade Rennes. 
Nesta tempada xa leva acumulados máis de 900 minutos na categoría de bronce sumando só tres goles ata o momento. En total suma 11 goles en 55 partidos na Segunda B, onde xa conta con experiencia. 
Cabe destacar que Yacine xa pasou polas categorías inferiores de Marrocos debutando coa sub-20 e a sub-23. 
Por contra déixanos un referente do equipo. O Capitán Manuel Castiñeiras colga as botas despois de trece tempadas xogando a un moi bo nivel e defendendo as camisolas de ata cinco equipos entre a Segunda e a Rexional preferente. Santiagués de nacemento e compostelanista de corazón, o central formouse nas categorías inferiores do Compos chegando a xogar co primeiro equipo ata 21 partidos na categoría de prata.
Máis de 200 partidos nas súas costas entre a Esedé, Eibar, Tenerife, Racing de Ferrol e Cerceda. Un home que sempre cumpriu co seu traballo gañándose o cariño de cada afección que o viu sobre o terreo de xogo. Un profesional dos pes á cabeza que se botará moito de menos non só sobre o terreo de xogo, onde non tivo moitos minutos esta tempada baixo o mando de Iñaki Alonso, senón tamén nos vestiarios, onde seguirá estando ata o final desta campaña. O Capitán do Compos e que seguirá sendo así por moito tempo.
En canto ao seu futuro máis cercano, Castiñeiras seguirá adestrando co resto dos seus compañeiros ata o final da tempada ademais de contar cun posto no organigrama do clube. Traballará coa dirección deportiva e coa secretaría técnica así como coa base do clube. O máis indicado para ensinar aos máis novos o que é este equipo. 
Desde a Curva queremos desexar o mellor no futuro do que sempre será o noso Capitán así como desexar unha boa tempada a Yacine no seu novo equipo, onde agardamos que nos dea unhas boas tardes de goles. 
En canto ao resto do mercado, que se pecha esta tarde, o Compos podería buscar aínda unha última incorporación para reforzar o centro da defensa, que queda tocada coa baixa de Castiñeiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario