Iván Pérez firma coa Esedé!

O santiagués Iván Pérez xa é oficialmente xogador da Sociedade Deportiva Compostela. O centrocampista formado nas categorías inferiores do Conxo asinará pola Esedé aos seus 29 anos ata o final da presente tempada, na que aínda non xogou ningún partido oficial. Procedente do Lugo, onde xogou a pasada tempada na Segunda división, volve aos terreos de xogo co obxectivo de rematar en postos de Copa do Rei, xa que clasificarse para os postos de promoción de ascenso parecen estar lonxe do alcance do equipo. 
Mediapunta que pode xogar tamén polas bandas en labores ofensivas, comezou a súa carreira profesional nas filas do Deportivo B. Ascendeu ao primeiro equipo coruñés no verán do 2009 e só un ano máis tarde saiu cedido á Ponferradina, equipo da Segunda división. Un ano no equipo castelán antes da súa volta ao conxunto branquiazul e directo á última tempada do Montañeros, onde compartiu vestiario con Jimmy. 
Medio ano sen equipo serviu para que o santiagués fichase polo Lugo mediada a tempada. Medio ano no equipo lucense e volta a quedar sen equipo chegando a San Lázaro para poñerse ás ordes de Iñaki Alonso nos adestramentos e nos amigables de pretempada, onde era un fixo. Baixo o mando do adestrador vasco, participou dende o verán nos adestramentos co resto da plantilla á espera dunha oferta para voltar aos terreos de xogo, oferta que chegou en xaneiro por parte do Compos, onde asinou este martes ata o remate da tempada ocupando o posto que deixou vacante Iván Moya, que xa tivo minutos o domingo pasado nas filas do Arroyo. 
Agora só queda darlle a benvida a Iván Pérez e agardar a mellora do equipo coa súa presenza. Presentarase en San Lázaro este mércores e podería estrearse en partido oficial coa camisola do Compos ante o Valladolid B o domingo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario