O Compos gaña con nove

O Compos sumou unha nova vitoria a domicilio nun dos campos máis complicados da categoría. Un só gol de Jimmy nun encontro marcado pola mala actuación arbitral. Noventa minutos de sufrimento que remataron cos tres puntos no peto branquiazul despois de dúas derrotas consecutivas pero que deixará ao equipo sen Josu nin Teles de cara ao encontro do vindeiro domingo ante o Valladolid B en San Lázaro. Unha vitoria que mantén ao Compos na novena posición pero cos mesmos puntos que o Avilés, oitavo, e a tres puntos da Cultural Leonesa, sexto.
A primeira metade non foi para nada vistosa. Corenta e cinco minutos de pouco fútbol e moita dureza por parte dos dous equipos, que aproveitaron a inexperiencia do árbitro para realizar un partido bronco. Un colexiado novo na categoría que errou en moitas das accións da primeira parte favorecendo aos locais.
Moito xogo no centro do campo e posesión dividida sen ocasións en ningunha das dúas porterías. Por parte do Compos só se puideron contabilizar tres cartóns amarelos e un disparo con perigo, o único antes do descanso, por parte de Mensha que apenas puxo en apuros a Epassy, porteiro que estivo a proba na Esedé no verán antes da chegada de Marqueta.
Tras a reanudación, o Guijuelo saiu ao campo na busca do gol probando en dúas ocasións rápidas a Marqueta, que volveu a mostrar un bo nivel baixo paus unha semana máis mantendo a porta a cero. Dous avisos que non serviron de nada cando o encontro volveuse, unha vez máis, moi duro deixando moi pouco fútbol sobre o Municipal de Guijuelo, que rematou por estoupar contra un árbitro que non foi capaz de levar o control do xogo. 
Entre falta e falta apareceu Jimmy para aproveitar un balón morto na área visitante e facer así o primeiro e único gol da tarde. Un erro defensivo imperdoable que serviu ao lateral santiagués para facer o gol da vitoria, o seu terceiro gol nesta tempada ascendendo ao primeiro posto de goleadores do equipo. 
Con vinte minutos por diante, o Guijuelo mellorou o seu xogo e foi a polo empate. Era o momento para defenderse das acometidas locais e demostrar cal é a mellor defensa da categoría, a cuarta menos goleada. Tarefa difícil e máis coa expulsión de Teles só cinco minutos despois do gol deixando ao equipo con dez. 
Cun xogador menos o obxectivo xa non podía ser buscar o segundo gol senón manter seguridade atrás e intentar perder o máximo tempo posible, algo co que colaborou o colexiado sinalando faltas despois de cada balón dividido. Sen embargo, non todo foi bo para os nosos ata o final xa que, co tempo cumprido, o colexiado amosou o segundo cartón a Josu deixando ao equipo branquiazul con nove. 
As dificultades aumentaron no tempo engadido pero o Guijuelo non soubo aproveitar as dúas últimas ocasións coas que puideron lograr un punto inmerecido ante un equipo que soubo xogar contra doce para asinar a primeira derrota do equipo salmantino como local nesta tempada. 
Agora xa é momento de pensar no seguinte encontro na casa ante o Valladolid B onde hai que manter os bos resultados e tentar ascender algún posto na clasificación antes da visita a Logroño e de recibir ao Racing de Ferrol no que será o mes máis duro do equipo de aquí ao final da tempada.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez, Teles, Fondevila (Manu Rodríguez, min. 70); Quim Araújo, Manu Moreira (Jordan, min. 82) e Mensha (Mon, min. 88).
CARTÓNS: Amarelos para Moreira e Mensha. Expulsados Teles e Josu por dobre amonestación.
GOLES: 0-1 68' Jimmy.
ESTADIO: Municipal de Guijuelo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario