O Compos rematou a primeira volta e comezou o ano 2015 da mellor forma posible. Unha vitoria no campo do que partía como quinto clasificado para achegarse aos postos de promoción de ascenso chegando á metade da tempada con sete puntos máis que o ano pasado e a só tres puntos do quinto clasificado e a un máis do cuarto, cun partido menos. Bo partido dos nosos levando o manexo do encontro durante máis dunha hora e obtendo a gran recompensa na segunda metade cun gol de Quim Araújo. Marqueta, na última media hora mostrou de novo un gran nivel mantendo unha vez máis a súa porta a cero.
Dende o inicio do encontro, os homes de Iñaki Alonso saltaron ao terreo de xogo coa intención de sorprender aos locais, que partían como favoritos despois de sumar 17 de 27 puntos posibles na casa. Posesión do esférico e rápidas xogadas buscando a portería defendida por Alejandro mantendo, ademáis, unha boa actuación en labores defensivas cun novo encontro sen encaixar goles mantendo ao equipo como o segundo menos goleado da categoría, igualado co Logroñés e só superado neste aspecto polo Murcia.
O dominio compostelanista non só foi positivo á hora de non recibir ocasións de perigo senón que ademais chegaron moi boas oportunidades de gol sobre a porta defendida por Alejandro. Jordan, Quim e Mensha, este en ata catro ocasións, encargáronse de levar o perigo á porta rival durante os primeiros corenta e cinco minutos sen sorte nin puntería perdoando unha tras outra.
Na segunda metade, despois de perdoar demasiado na primeira, o equipo buscou manter o bo nivel en ataque. Pero o segundo tempo comezou con dureza por parte dos dous equipos con cinco cartóns, dous deles para xogadores do Compos, en cuestión de quince minutos compensando dalgunha forma a primeira parte, onde o colexiado non amosou ningún cartón.
Entre tanto xogo duro destacou Quim Araújo. O catalán probou sorte unha vez máis desde fóra da área pero nesta ocasión poñendo o esférico lonxe do alcance do porteiro local, que nada puido facer para evitar o merecido. Un gol importante e no mellor momento ante un equipo que todavía non puxera en apuros a Marqueta.
Co resultado en contra, os asturianos non quixeron perder nin un segundo en buscar a porta do aragonés. Cambio de xogo dos locais que pasaron a dominar o esférico e atoparon o camiño á porta de Marqueta en poucas ocasións só poñendo en apuros a Marqueta cun disparo desde fóra da área de Abraham que o oscense mandou a córner.
Media hora co resultado favorable onde os nosos tiveron moito que sufrir para evitar unha nova sorpresa. A boa defensa volveu a aparecer sobre o terreo de xogo e o equipo soubo manexar o encontro ata o final mantendo sen problemas unha vitoria moi importante pechando a primeira volta con 29 puntos.
A vindeira semana o Compos visitará El Plantío para xogar ante un Burgos que mañá domingo rematará a primeira volta na casa ante o Tropezón.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos Rodríguez; Manu Rodríguez, Fondevila (Iván Moya, min. 76), Jordan (Moreira, min. 72), Quim Araujo; e Mensha (Borja, min. 65).
CARTÓNS: Amarelos para Alcañiz, Jordan e Mensha.
GOLES: 0-1 62' Quim Araújo.
ESTADIO: Ramón Suárez Puerta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario