O Compos rematou o 2014 cunha nova vitoria coa que asegurar unha primeira volta mellor que a do ano pasado a pesar de non contar co máximo goleador da categoría. Un final de ano onde os tres puntos chegaron da man de Mensha nun encontro onde puido pasar de todo e no que o nixeriano foi necesario para gañar. Unha vez máis, o dianteiro foi o mellor revulsivo na segunda metade onde os dous equipos estiveron moi preto de aumentar a conta.
Despois da derrota en Oviedo, o Compos tivo que enfrontarse por segunda vez consecutiva a un equipo asturiano. Un partido dominado polos homes de Iñaki Alonso dende o inicio e ata o final xogando gran parte dos noventa minutos en campo contrario. Un dominio que se convertiu en ocasións de gol moi cedo coa primeira chegada de Jordan que atallou o porteiro.
Pouco a pouco o equipo foi achegándose á porta contraria durante a primeira media hora. Teles e Quim tamén quixeron probar sorte ante un Dennis que tivo problemas á hora de sacar algún disparo dos branquiazuis.
Media hora de dominio, de bo fútbol, que puido irse pola borda nos últimos quince minutos da primeira metade, onde o equipo baixou o ritmo e a intensidade permitindo ao filial do Sporting achegarse con perigo á porta defendida por Marqueta nunha ocasión sen apenas perigo.
Na segunda metade, o inicio foi similar ao da primeira pero sen ocasións claras nos dez primeiros minutos. Sen embargo, Iñaki Alonso decidiu facer un troco na dianteira e sumar intensidade ao ataque coa saída de Mensha, que sempre sae con moita forza buscando o gol. E unha vez máis non puido saír mellor a xogada xa que só sete minutos despois de entrar ao terreo de xogo fixo o gol da vitoria.
Un gol que chegou pola banda nunha xogada de Jordan. O ourensán puxo o balón á área e Mensha adiantou aos locais cun testarazo ante o que pouco puido facer o porteiro asturiano. Ademais, o nixeriano a piques estivo de asistir a Quim Araujo só catro minutos despois aproveitando a caída do Sporting. Unha xogada maxistral do dianteiro que rematou cun disparo do catalán ao longueiro poñendo en pé parte de San Lázaro.
Os vinte minutos restantes foron un intento do Compos de aumentar diferenzas e perder tempo ante un equipo que tivo o empate no tempo engadido. Pero unha vez máis Marqueta mostrou seguridade baixo paus deixando de novo a porta a cero evitando esta vez ata dúas ocasións claras ante un equipo que a pasada tempada foi un duro rival nos dous encontros.
Agora haberá unha semana de vacacións e a Liga voltará co partido que pechará a primeira volta en Avilés.
ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Alcañiz, Catú, Jimmy; Marcos, Manu; Jordan (Fondevila, min. 65), Quim (Moreira, min. 78), Teles; e Borja (Mensha, min. 57).
CARTÓNS: Amarelo para Teles.
GOLES: 1-0 64' Mensha.
ESTADIO: San Lázaro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario