Comeza a segunda volta

Este domingo comezará a segunda volta do campionato en Burgos. Unha saída complicada ante un rival da zona media baixa da táboa que promete dar moita guerra no terreo de xogo do Plantío. Segunda saída consecutiva do ano 2015 onde agardamos que non se cumpra o tópico "novo adestrador, vitoria segura" despois do troco no banco burgalés despois do empate ante o Tropezón no campo castelán. 
Segunda saída do Compos neste novo ano e a posibilidade de manter a imbatibilidade neste 2015 ante un Burgos que non gaña dende a vitoria na casa ante o Langreo, na xornada 15. Visita a un equipo que sumou só 2 dos últimos 12 puntos, algo positivo, despois dunha xeira positiva na que sumaron tres vitorias e un empate. Un rival ao que, ademais, non se lle dan ben os equipos galegos sumando só 4 de 15 puntos posibles perdendo ante Compos, Coruxo e Racing de Ferrol e só conseguindo gañar na casa ao Somozas na segunda xornada. 
O Burgos comezou a tempada coa intención de manterse na categoría de bronce despois dunha renovación importante nas súas filas. Comezaron cunha derrota en San Lázaro e ata o de agora sumaron 22 puntos, 7 menos que o Compos, tras seis vitorias, catro empates e nove derrotas. Un equipo que marcou un gol máis que o noso e que é o que menos goles encaixou dos dez últimos clasificados con só 24 tantos en contra. En canto aos encontros no Plantío, non presume de ser un equipo regular. Cinco vitorias, un empate e catro derrotas mostran un bo pronóstico para os equipos visitantes. A nivel individual, Cristian López é o máximo goleador do equipo con 8 goles. 
Para este encontro, os dous equipos parten con baixas importantes. No caso do Compos, Iñaki Alonso recupera a Teles despois da sanción mentres que deixará na casa a Lucas, Castiñeiras, Portela, Mateo e Moreira por decisión técnica mentres que Lemos segue de baixa por lesión. Pola súa parte, o adestrador do Burgos Gonzalo Arconada recupera a Maureta, Moki, Gómez e Gabri pero perde a Javi Hernández por sanción.
O Compos visitará o estadio burgalés por terceira vez na historia na busca da primeira vitoria. Dúas derrotas no campo do Plantío son ata o de agora os únicos precedentes entre ambos. En canto á primeira volta, en San Lázaro, a Esedé sumou os tres puntos grazas aos goles de Quim Araújo e Mensha. 
En canto á pasada xornada, o Compos comezou o ano e rematou a primeira volta cunha vitoria traballada cun gol de Quim Araújo na segunda metade ante un bo Real Avilés, que partía como favorito para sumar a vitoria. Pola súa parte, nun mal partido, Burgos e Tropezón remataron o partido no feudo castelán sen goles. 
O partido será este domingo ás 17 horas en El Plantío. Non haberá televisión e só poderá seguirse, de momento, polas redes sociais e algunha conexión da Radio Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario