Vitoria sufrida noutro derbi

O Compos sumou unha vitoria máis no derbi máis sinxelo, sobre o papel, de toda a tempada. Un encontro onde os de Iñaki Alonso tiveron o balón e no que o Somozas non creou ocasións de perigo sobre a porta de Marqueta nos noventa minutos. Na segunda metade, noutro monólogo branquiazul, chegou o gol da vitoria das botas de Jordan. Ademais, os dous equipos remataron cun xogador menos, o Compos pola expulsión de Josu mentres que o Somozas pola lesión dun xogador despois de esgotar os tres trocos. 
A primeira visita do Somozas a San Lázaro na categoría de bronce do fútbol nacional comezou coa Esedé mostrando tanto nivel coma experiencia superiores que o rival sobre o terreo de xogo. Dominio constante do conxunto da capital nos primeiros corenta e cinco minutos sen permitir erros en defensa, onde os de Iñaki Alonso son do mellor da categoría sobre todo cando Alcañiz e Catú comparten o centro da zaga. 
Coa posesión do esférico chegaron as ocasións de perigo sobre a porta de Reguero, que tivo que saír substituido mediada a segunda metade por lesión. Sen un dianteiro sobre o terreo de xogo foi Quim o encargado de buscar o camiño do primeiro gol na primeira metade sen obter resultados positivos errando nos primeiros intres do encontro unha ocasión clara que salvou un defensa sobre a mesma liña de gol. 
Xogando en zona de tres cuartos, o Compos parecía estar moi preto de adiantarse no marcador, algo que finalmente pasou a ser algo imposible antes do descanso. Unha primeira parte do encontro sen goles onde a Esedé mereceu moito máis rematando o acto con ata dúas ocasións máis claras por parte de Manu Rodríguez, que non tivo sorte para materializalas. 
Na segunda metade mantivéronse os mesmos erros á hora de atopar a porta somocense. Uns erros que o adestrador vasco buscou evitar coa entrada de Moreira aos dez minutos da reanudación e de Mensha sete minutos máis tarde. Sen embargo, ningún dos dous foi capaz de bater a Abraham nas escasas ocasións das que puideron gozar ata o final do encontro. 
O nixeriano anque non marcara si que foi peza clave do gol da vitoria a vinte minutos do final do encontro. O dianteiro dispara ante o porteiro e o rexeite cae a Jordan que só ten que controlar o esférico e marcar sen porteiro o único tanto da tarde noite. 
Os últimos minutos ata o final do encontro foron de moi alta intensidade con xogadas de perigo nas dúas porterías e a expulsión de Josu por dobre amonestación propiciando a mellor ocasión do equipo somocense, que non soubo poñer en apuros a un Marqueta que suma o seu terceiro partido consecutivo na porta branquiazul sen encaixar un gol. 
Agora é turno de pensar nunha das saídas máis duras da tempada e á vez máis fermosas. O vindeiro sábado a Esedé visitará o Carlos Tartiere para enfrontarse ao Oviedo, onde non poderá estar tampouco Ramón despois de ser expulsado no banco de suplentes neste partido por protestar.

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Catú, Alcañiz, Jimmy; Iván Moya, Manu Rodríguez; Jordan, Teles, Quim; e Fondevila. 
CARTÓNS: Expulsados por dobre amonestación Josu e por cartón vermello directo Ramón. 
GOLES: 1-0 72' Jordan.
ESTADIO: San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario