O Compos terá este sábado a saída máis dura de toda a tempada. Unha visita a unha cidade máxica que sempre ocupará un oco importante nas follas máis douradas da historia da Esedé. En Oviedo, ante o mellor equipo da táboa e ante moitos ex xogadores de Primeira nunha noite que pode ser a que comece a reacción do equipo pola loita cara á Segunda división, un soño que sobrevoa a capital galega por segunda tempada consecutiva.
Oviedo acollerá esta fin de semana unha das citas máis complicadas e agardadas pola afección branquiazul de toda a tempada. O novo Carlos Tartiere, estadio inaugurado fai algo máis de catorce anos e que segundo a FIFA é o mellor da categoría, revivirá un dos grandes encontros da pasada campaña onde os homes de Fredi lograron un empate moi valioso grazas aos goles de Joselu para os nosos e de Sergio García para igualar a loita por parte dos locais.
Algo máis dun ano máis tarde volven verse os dous equipos. Dous equipos moi reforzados no pasado mercado de verán coa mesma intención ao final da campaña e que deberán poñer todo sobre o verde para gañar. Pero, por desgraza, non todos poderán estar nesta cita. Por parte dos nosos, Iñaki non poderá contar con Lemos e Mateo por lesión nin Ramón e Josu por sanción. Ademais destacan as ausencias por decisión técnica de Castiñeiras e Mensha e a novidade nunha lista de Lucas, o terceiro na lista de porteiros. Pola súa parte, Óscar Redondo, que asinou polo conxunto asturiano nas últimas horas, será baixa case segura a falta da convocatoria do adestrador ovetense.
O Compos non sabe aínda o que é gañar en Oviedo ante o conxunto local, ninguén pode esquecer a vitoria ante o Raio Vallecano no 94 na capital da comunidade veciña, pero só se voltou cunha derrota no 96 entre cinco empates e todos eles con goles. De feito, no Tartiere o equipo branquiazul anotou en tódalas súas visitas no campionato regular. En canto a esta tempada, só o Zamora, no último partido xogado ata o momento no estadio ovetense, sabe o que é gañar grazas a un gol de Gavilán. Dificultade máxima ante un equipo que segue vivo na Copa do Rei e que se xogará o pase a oitavos ante a Real Sociedade en Anoeta o mércores.
Do rival hai moito que se pode dicir e nada negativo. Un equipo que ten máis xente nas bancadas que moitos da Segunda división e algún de Primeira, co segundo presuposto máis alto da categoría e con máis de 15.000 socios. En canto ao feito sobre o terreo de xogo esta tempada suman 34 puntos despois de 11 vitorias, 4 derrotas e só un empate ante o Real Avilés na segunda xornada ademais de 38 goles a favor, equipo máis goleador da Segunda B, e 16 en contra, un máis dos encaixados ata o momento polo noso Compos. Mirando un pouco máis, aos partidos do Oviedo como local, poden presumir de ser un equipo moi difícil de superar. 7 vitorias e 1 derrota en oito partidos fan ver que gañar no Tartiere é case imposible. En canto aos goles como local suman 24 goles a favor e só encaixaron 5. A nivel individual destacan Linares, máximo goleador das tres categorías máis altas de España só superado por Cristiano Ronaldo con 20 goles, e Esteban, porteiro que a pasada tempada era o habitual na portería do Almería en Primeira división.
Ao encontro os dous chegan despois de sumar os tres puntos a pasada xornada. O gol de Jordan ante o Somozas foi suficiente para sumar tres puntos máis no casilleiro da Esedé mentres que Borja Valle e Linares fixeron o propio en Torrelavega ante o Tropezón para devolver ao Oviedo ao camiño da vitoria sete días despois da derrota ante o Zamora.
O Oviedo abrirá un dos fondos para os afeccionados chegados desde Santiago ao prezo de 15 euros cada entrada. Ademais, nas últimas horas o clube asturiano chegou a un acordo coa TPA e tamén para poder verse a través da segunda canle da TVG, unha nova de última hora moi positiva para tódolos afeccionados galegos que un ano máis poderemos gozar deste gran espectáculo deportivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario