Un punto máis

O Compos non puido volver de Vigo cos tres puntos nun novo derbi sen goles fóra de San Lázaro. Partido con máis emoción que fútbol onde o Coruxo tivo menos ocasións para adiantarse pero, sen embargo, as máis claras atopándose ata en dúas ocasións coa madeira. Do máis destacable do encontro é unha man clara dentro da área local que non sinalou o colexiado. 
O encontro foi de máis a menos no seu inicio. Os homes de Iñaki Alonso saltaron ao terreo de xogo en busca de sorprender ao porteiro hoxe titular do equipo vigués por lesión do gardameta habitual baixo os paus do Vao. Un comezo onde chegaron dúas ocasións, unha por equipo, nos primeiros quince minutos mostrando algo moi diferente ao que pasou na última media hora da primeira metade. 
Teles tivo a mellor dos primeiros corenta e cinco minutos a prol do Compos mentres que Marqueta, que deixou a súa porta a cero unha vez máis, evitou o disparo de Aspas. A partir de aí ningún dos dous soubo impoñer o seu xogo sobre o campo loitando por sacar o esférico da zona central, algo que só o conseguiron a base de fútbol directo aos dianteiros. Mensha, pola parte do Compos, non tivo oportunidades de gol mentres que Marqueta evitou un bo remate de Álex Fernández. 
Na segunda metade máis do mesmo. Saída do Compos cunha marcha máis pero insuficiente para poder facer algo máis perigoso do conseguido. Chegadas á porta de Brais pero sen a puntería necesaria para poder adiantarse no marcador. Pero unha vez máis, despois de varias acometidas nas dúas porterías, o encontro perdeu a intensidade e a dureza tomou o control provocando que as mellores ocasións chegasen a balón parado. 
Jimmy estivo a piques de marcar cun disparo que saiu pola liña de fondo mentres que Moscardó topouse co longueiro a vinte minutos do final asinando a primeira gran ocasión do Coruxo. E, por sorte, nos últimos intres do encontro aumentou a intensidade volvendo as ocasións nas dúas portas. Sen embargo, unha vez máis, foron os locais os autores da mellor xa no tempo engadido cun disparo de Rafa Mella que pegou no pau. 
Finalmente, o Compos suma o segundo empate consecutivo ante o quinto clasificado para manterse no centro da táboa a só dous puntos do sexto, o Valladolid B. 

ALIÑACIÓN: Marqueta; Josu, Castiñeiras, Alcañiz, Jimmy; Marcos Rodríguez; Jordan (Moreira, min. 70), Manu Rodríguez (Fondevila, min. 74), Teles, Quim; e Mensha (Borja Navarro, min. 70).
CARTÓNS: Amarelos para Teles, Marcos Rodríguez e Fondevila.
GOLES: 0-0.
ESTADIO: O Vao. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario